Máis de 300 persoas concentráronse na tarde de onte convocadas polas Anpas dos Centros de Educación Infantil e Primaria de Moaña por «Unha alimentación de calidade non ensino público». Os pais, arroupados por representantes de todos os partidos políticos do municipio, reclamaron «un modelo de xestión directa para todos os comedores de Moaña, pois o modelo de xestión indirecta nos nosos centros é un modelo fracasado». «Comida fría e escasa, calidade dubidosa, pouca cantidade de comida, peixes irrecoñecibles, presentación pouco coidada e desagradable e pouca transparencia cos pais», describiron desde a Federación de Anpas «Arco da Vella».
Xa son coñecidas as queixas da comunidade escolar pola mala calidade, presentación e temperatura dos menús que diariamente consomen os nenos e nenas dos colexios de Moaña sen que desde a consellería de Educación nin a xefatura provincial contesten o descontento que trasladan as direccións dos centros e os pais «por diferentes medios». Así o expresaron durante o acto do que advertiron non será o primeiro e o último. «Imos ter que facer algo para que nos fagan un pouco de caso nas nosas reivindicacións», avanzaron, porque «coa saúde e a alimentación dos nosos fillos non se xoga».