Despois dunha longa parada debido ás restricións de aforo motivadas á
situación pandémica actual, e dada a melloría das condicións sanitarias actuais,
a Concellería de Benestar Social e Muller do Concello de Moaña retoma no mes
de outubro o programa Educar en Igualdade, cofinanciado pola Deputación
de Pontevedra e que engloba a “Escola de Familias” e as sesións “Sentir e
Pensar”.
A “Escola de Familias” é un proxecto dirixido ás familias do concello de
Moaña onde se forma e informa sobre aspectos do desenvolvemento evolutivo
das crianzas e da importancia da implicación das familias na súa educación. As
sesións se impartirán os mércores e poderase escoller horario de mañá ou de
tarde. As sesións serán de 11:00 a 12:45h., de 16:00h. A 17:45h., de 18:00 a
19:45h., ou de 20:00 a 21:45h. Aquelas familias que o desexen, en horario de
tarde e previa reserva, poden deixar ás súas crianzas no servizo da ludoteca
mentres asisten á sesión.
«Sentir e Pensar” está dirixido ás crianzas e tamén á poboación adolescente
coa finalidade de xerarlles valores e metas, de axudarlles a ser persoas
emocionalmente saudábeis, a ter unha actitude positiva ante a vida, a saber
expresar os seus sentimentos… As sesións se impartirán os martes para os
cursos de primaria (1º, 2º e 3º de 16:00 a 16:45 horas e 4º, 5º e 6º de 17:00 a
18:15 horas ou de 18:30 a 19:45 horas), e os xoves para os cursos da ESO (de
16:00 a 17:15 horas ou de 17:30 a 19:15 horas).
Ambas actividades se impartirán na ludoteca municipal e son gratuítas para a
cidadanía. Seguindo a normativa publicada no DOG relativa a este tipo de
actividades, realizaranse cun aforo máximo de dez persoas máis a psicóloga
encargada de impartir as sesións, sempre respectando as distancias
interpersoais de seguridade e as oportunas medidas de hixiene, limpeza e
ventilación.
As temáticas que se tratarán son comúns a ambos programas, adaptándoos a
cada grupo de idade. En sesións de unha hora e media, trataranse temas
relacionados cos trastornos de alimentación, a resiliencia, como explicar as
enfermidades, educar con filosofía, técnicas básicas de disciplina…
Para maior información e para a inscrición en calquera dos programas hai que
chamar ao teléfono da ludoteca 986 31 50 38 en horario de tarde.