Homenaxeados e membros do goberno local e da oposición tras o acto de entrega.

O municipio de Moaña, a través do Concello, rendeu onte homenaxe aos heroes da pandemia, aqueles que, dunha ou outra maneira, velaron pola saúde e a seguridade dos veciños: Protección Civil, Policía Local, Garda Civil e persoal sanitario do centro de saúde (que non puideron asistir). Nun acto humilde pero emotivo, o equipo de goberno e tamén un representante do grupo municipal do PP fixeron entrega aos sete membros da Agrupación de Protección Civil e aos máximos responsables da Policía Local e da Garda Civil, Lois Casás e o sarxento Ismael Alonso do posto de Moaña, respectivamente, das medallas conmemorativas polo seu labor durante os primeiros meses de pandemia.

Bieito Pérez Carrera, presidente de Protección Civil de Moaña, tras recoller o distintivo ao equipo, quixo dedicarlle unhas palabras ás súas compañer@ s por «estar aí neses momentos duros de pandemia coa incerteza que había». Lembrou como visitaban ás persoas que vivían soas durante o confinamento para comprobar se estaban ben, como lle levaban comida e medicamentos a quen se atopaba contaxiados ou a repartición de material electrónico ás familias para que os seus fillos puxesen seguir as clases en liña durante o confinamento. En definitiva, poder atender calquera necesidade que as persoas puidesen ter nese momento. Pero, indicou Bieito, outra das accións non menos importantes era a celebración dos aniversarios por parte de Protección Civil e da Policía Local. «Repartimos moitos sorrisos», afirmou.

Lois Casás, xefe da Policía Local de Moaña, tamén agradeceu ao equipo de goberno a homenaxe porque, indicou, «ou noso traballo non sempre está recoñecido e nese momento foi duro porque non se sabía o que estaba a ocorrer».

Desde o punto de vista institucional, a alcaldesa, Leticia Santos, actuou como representante dunha corporación municipal que xa aprobara por unanimidade no pleno unha declaración institucional de recoñecemento ás forzas e corpos de seguridade de Moaña e a todos os voluntarios o esforzo que realizaron durante o confinamento. «Sei que este acto homenaxe debería de facerse antes pero non foi posible, por iso quero aproveitar hoxe para destacar que sen eles sería imposible atender á veciñanza como se fixo», en referencia aos catro colectivos galardoados pero tamén á brigada do Concello. Neste sentido, Santos quixo facer unha mención especial ao falecido Suso Boubeta, ata a súa morte capataz do Concello de Moaña. «Cando non había material sanitario en ningún sitio, el tiña ben gardado e en perfectas condicións aínda do Prestige».

Por último, a rexedora quixo ampliar o seu recoñecemento a estes corpos oficiais aos meses posteriores á o confinamento pola súa dispoñibilidade e colaboración na organización dos eventos sociais e culturais programados polo Concello para garantir o cumprimento das medidas anticovid e o correcto desenvolvemento das actividades.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *