O goberno local solicitou a Portos a concesión dos terreos xunto á nave de Club de Remo de Tirán
O concello de Moaña ven de solicitar ante a administración de Portos de Galicia a concesión dos terreos de dominio público portuario para a instalación do primeiro circuíto de calistenia en Moaña. O pleno da corporación aprobou por unanimidade unha moción a proposta de XM na que o goberno municipal se comprometía a procura de terreos axeitados para a instalación dun parque de calistenia, como medida de promoción de hábitos de vida saudable e da actividade deportiva.
Desta forma, din dende o goberno local, dábase resposta a demanda crecente trasladadapolo concelleiro de XM e polos diferentes colectivos da nosa vila, e da veciñanza en xeral, que viñan solicitando unha instalación deste tipo.
Analizadas as distintas posibilidades de ubicación do circuíto por parte do Concello, optouse por solicitar a concesión ante Portos de Galicia dos terreos do porto Moaña situados no Con, xunto a nave deportiva de Tirán, por tratarse dunha localización que presenta as mellores condicións para desenvolver o proxecto.
O circuíto de calistenia previsto estará dividido en tres zonas, con distintos elementos que permitan practicar exercicio físico ao aire libre. Crearase así un espazo deportivo e de ocio para a realización de exercicio destinado a fortalecer tanto o corpo como a mente, en función das capacidades das persoas usuarias.
O proxecto de instalación de calistenia implicará tamén a reparación do mobiliario urbano e o acondicionamento da pista de skate existentes, o que permitirá obter unha unificación completa da zona.