O obxetivo é ver se houbo outras edificacións anexas ao patio de armas
A Torre de Meira en Moaña será obxecto dun novo proxecto de escavación, o máis ambicioso dos realizados ata o de agora- para coñecer máis sobre a súa historia e sacar á luz todo o seu potencial. Así se anunciou onte na visita guiada á construción na que participou a deputada de Patrimonio María Ortega, integrantes do Concello de Moaña e veciñanza da vila xunto a parte da equipa arqueolóxica.
A responsable provincial María Ortega destacou a importante colaboración económica da Deputación nos labores de escavación e restauración grazas ás axudas provincias de rehabilitación do Patrimonio e subliñou que o obxectivo é que tamén haxa achega provincial para a nova fase dos traballos. Ortega destacou que é fundamental coñecer e poñer en valor a historia da construción, divulgándoa entre a veciñanza para que sexa consciente da súa importancia, xa que se trata dun dos elementos patrimoniais de maior interese do municipio.
O concelleiro de Urbanismo, Odilo Barreiro, responsable local da actuación, pola súa banda, subliñou que a futura escavación terá un orzamento superior aos 40.000 euros, o que revela a importancia que ten a recuperación da torre para o Concello de Moaña, non só pola propia recuperación patrimonial en si mesma, senón como eixo para potenciar o turismo sustentable. “É moi importante seguir avanzando”, dixo.
A pesares de que o tempo non acompañou, a visita guiada serviu para que o persoal responsable da escavación explicara as diferentes fases que se levan realizado ata o de agora na Torre de Meira. Na primeira, dixeron, os traballos centráronse na rehabilitación da propia torre, unha construción coas características formais dun castelo, da que se levantaron tres fileiras de perpiaños que permiten unha vista clara do que era antigamente.
Na segunda fase o proxecto pretendía poñer a descubierto a muralla que supostamente rodeaba a torre, xa que todo indicaba a súa existencia ao teren descuberto un patio de armas e tamén un foxo. Dado que no traballo de campo se detectou que apenas existían restos dese paramento a actuación reorientouse cara ao estudo do patio de armas, no que apareceron restos de tégulas e partes decoradas que daban a entender que podería haber outras edificacións auxiliares. A existencia destas estruturas deberá quedar aclarada na futura excavación anunciada onte.
Nas catas realizadas ata o de agora apareceron restos arqueolóxicos dignos de mención como unha pequena cruz de bronce que podería estar relacionada con algún xoieiro ou formar parte dun elemento decorativo maior; colmillos de xabaríns; restos de cerámica do século XV que se identificaron como de ‘manises’, procedente do Levante; ou unha moeda romana da época de Constancio, probablemente con orixe por proximidade no Castro das Cidades.