A idea é que o mar estea presente en todos os recunchos da vila durante a celebración da festa o próximo mes de agosto
O Concello de Moaña acolleu unha reunión do Comité Organizador do 15 Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (EETG) que se celebrará entre os días 5 e 8 de agosto en Moaña. A xuntanza, na que estiveron presentes representantes das tres entidades organizadoras (Culturmar, Concello de Moaña e a Asociación Recreativa e Cultural ‘Sueste’) tamén contou coa presenza de membros das asociacións veciñais, profesionais, culturais e deportivas da vila.
Na reunión deuse conta dos últimos avances na programación desta grande festa
do patrimonio marítimo-fluvial, que se fará pública nos vindeiros días.
O Comité Organizador falou da importancia da ambientación e da decoración de rúas, espazos públicos e todo tipo de edificios. A idea é que o mar estea presente en todos os recunchos da vila durante a celebración dunha festa que, sen dúbida, é un importante elemento de atracción turística.
Ademais da ambientación coa imaxe corporativa do 15 Encontro de Embarcacións Tradicionais da que se farán cargo as entidades organizadoras e colaboradoras, o obxectivo é que as vivendas e locais de Moaña, principalmente os da fronte marítima, se engalanen con retallos do noso patrimonio marítimo fluvial (nasas, redes, remos, áncoras, cabos, nós mariñeiros, velas,…).
Un evento desde 1993
Culturmar (Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial) convoca cada dous anos, desde 1993, o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia entre as súas asociacións. A este evento están convidados todas as asociacións pertencentes a Culturmar e entidades afíns, tanto de Galicia como de Portugal, Irlanda, Francia, País Vasco, Cataluña, Andalucía, Levante ou Illas Baleares, así como particulares e institucións de interese cultural e patrimonial.
O Encontro consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego, así como doutras zonas, acompañados de actos culturais e de lecer, xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, artesanía, etc.
Esta celebración quere poñer de relevo a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo. Os Encontros tamén serven para amosar o traballo no eido da recuperación do patrimonio feito polas asociacións, é ó mesmo tempo, supón unha actividade de dinamización social e de lecer, converténdose nunha festa atractiva para os cidadáns e visitantes da vila que acolle o Encontro.