O Concello lanzará esta tarde o primeiro dos vídeos desta campaña, realizada con varios integrantes da Asociación Os Nosos Dereitos, nos que se ven exemplos positivos de locais que adaptaron os seus accesos para as persoas con mobilidade reducida
Un Marín máis accesible, no que eliminar as barreiras arquitectónicas e no que todas as persoas poidan ter oportunidade de desfrutar de todo o que ofrece a vila. Ese é o obxectivo da accesibilidade universal, na que desde o eido público local o Concello traballa con cada humanización ou mellora, como por exemplo o ascensor do Museo Manuel Torres.
Pero tamén os locais do noso municipio poñen o seu grao de area para que as persoas con mobilidade reducida poidan acceder sen problemas a eles. Ese exemplo de boas prácticas é o que se quere poñer en valor coa campaña MarínAccesible, unha serie de vídeos que se irán colgando nas redes sociais do Concello nos próximos días e que se levou a cabo en colaboración con membros da Asociación Polos Nosos Dereitos.
O primeiro dos vídeos será en Centrovisión Marín, un establecemento accesible que “mostra a súa sensibilidade coas persoas con mobilidade reducida”, tal e como se pode ver na peza que se subirá esta tarde ás redes.
Despois iranse subindo varios vídeos máis, “cos que queremos concienciar a toda á cidadanía, así como aos propios establecementos da vila, do importante que e poder adaptar as entradas e os espazos a persoas que precisan dunha cadeira de rodas para moverse”, explican fontes municipais.