O Concello anima á veciñanza a pensar en que máis queren para a vila en distintas áreas temáticas: territorio, sostibilidade dos recursos, mobilidade, cohesión social, economía, vivenda, innovación, dixitalización e participación
“Porque non nos conformamos e queremos avanzar, traballamos nun Marín máis…”. Así comeza a campaña coa que o Concello de Marín, desde finais desta semana, chamará á veciñanza a que participen na elaboración da Axenda Urbana de Marín, o documento estratéxico que definirá as liñas de actuación futura para a construción do Marín que queremos.
Un Marín, tal e como recolle o Concello nesta campaña, máis resiliente, habitable, ecolóxico, seguro, inclusivo, dinámico, atractivo, conectado e aberto. Cada un destes adxectivos, explican desde o Goberno local, “responde ao Marín que queremos en función das liñas temáticas que tratamos na Axenda Urbana: a distribución do territorio, o urbanismo, a xestión sostible dos recursos, o fomento do desenvolvemento económico, as medidas sobre vivenda, a dixitalización da administración…”.
Por iso, o xoves abrirase o portal axendaurbanamarin.com, a través do cal a veciñanza poderá acceder a unha enquisa online coa que participar no proceso de elaboración deste documento, que despois deberá ser aprobado no Pleno da Corporación.
Deste xeito, tal e como apuntan fontes municipais, “queremos abrir unha ventá de oportunidade para que todas as personas que así o desexen poidan optar a opinar sobre cales cren que son os retos e as iniciativas que debemos abordar de maneira máis urxente no que respecta a todos estes temas”.
Tal e como xa se avanzou nestes días, a esta enquisa online aberta a toda a cidadanía sumarase a convocatoria de tres mesas sectoriais de traballo nas que participarán representantes de entidades, asociacións, institucións e empresas relacionadas coa vida diaria de Marín.
Ademais, durante o xoves e o venres, realizaranse enquisas a pé de rúa para facilitar a participación de todas as persoas. A enquisa online, pola súa parte, estará a disposición da cidadanía a partir deste xoves e ata o 8 de decembro.
Desde o Concello presentaron esta mañá o que será a imaxe que acompañará a todo este proceso de participación e elaboración da Axenda Urbana, “de tal maneira que a veciñanza poida asociar rapidamente cales son os pasos que se dan dentro deste proceso”.