A vila converterase no epicentro do ciclismo feminino cun dispositivo especial de tráfico e mobilidade para garantir unha xornada segura e participativa. A proba será retransmitida en directo en máis de 170 países

O Concello de Marín ultima os preparativos para a celebración dun dos eventos deportivos máis destacados do ano: a saída da Volta España Feminina, que terá lugar o próximo domingo, 3 de maio.
“Trátase dunha cita de gran relevancia que situará a vila no mapa deportivo internacional e que supón unha oportunidade única para que a cidadanía goce do mellor ciclismo feminino de elite. Retransmitirase en directo a 170 países, nos que verán á nosa vila como un escenario perfecto para eventos deste calibre”,
declarou a alcaldesa, María Ramallo.

Desde o Concello faise un chamamento á participación veciñal, animando a todas e todos os marinenses a achegarse ás rúas e formar parte dun acontecemento que combinará deporte, promoción turística e dinamización económica.

Para garantir o correcto desenvolvemento do evento, o Concello, en coordinación coa Policía Local, deseñou un dispositivo especial de mobilidade e seguridade, acompañado dunha intensa campaña informativa a través de cartelaría, redes sociais e a páxina web municipal.

Avisos importantes de mobilidade
Co obxectivo de facilitar a organización e minimizar incidencias, comunícanse as seguintes medidas:
● Desde o sábado 2 de maio comezarán os traballos de organización e loxística do evento.
● Non estará dispoñible o aparcadoiro público da Praza de España desde o sábado a primeira hora da mañá ata o domingo ao mediodía.
● Como alternativa, habilitarase un aparcadoiro no interior do Porto.
Accesos e circulación
● Sábado 2 de maio:
○ Poderase circular con normalidade pola Avenida de Ourense.
○ O acceso ao aparcadoiro do Porto realizarase a través dun vial habilitado paralelo á valla portuaria, con entrada lateral polo
Cemiterio das Chalanas.
● Domingo, 3 de maio, día da proba:
○ A circulación de vehículos estará permitida só ata a rotonda nova, despois de Nodosa.
○ Desde ese punto, o tráfico será desviado exclusivamente polo interior do Porto para acceder ao aparcadoiro habilitado.
○ Non haberá saída con vehículo cara á Praza de España.

Cortes puntuais de tráfico
Durante a saída da Volta, poderán producirse cortes puntuais de circulación entre as 10:50 e as 11:45 horas nas seguintes rúas do percorrido:
● Almuíña
● Real
● Sol
● Concepción Arenal
● Jaime Janer
● Recamán
● Ezequiel Massoni
● José Trasande
● Avenida de Ourense
● PO-313 ata Bueu

Chamamento á colaboración cidadá

O Concello de Marín agradece de antemán a comprensión e colaboración daveciñanza ante estas medidas, necesarias para garantir a seguridade e o éxito do evento. Recoméndase planificar os desprazamentos con antelación e seguir en todo momento as indicacións da Policía Local e da organización.

Marín está preparada para vivir unha xornada histórica. A Volta España Feminina será unha festa do deporte que merece ser compartida por toda a cidadanía.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *