O concelleiro de Facenda, Manuel Santos, deu conta no último Pleno da Corporación celebrado no Concello de Marín do peche do Orzamento do ano 2022, co obxectivo de trasladar ao Ministerio a correspondente liquidación así como os resultados da mesma. Tal e como destacou o edil, o resultado orzamentario acadado despois de realizar o balance entre os dereitos recoñecidos netos e as obrigas foi de 963.737 euros. No que respecta ao remanente de Tesourería, sitúase en máis de 2.505.700 euros, o que permite ao Concello contar cun músculo financeiro de aforro importante.
“Facemos unha valoración positiva desta liquidación”, asegurou o edil durante a súa intervención na sesión plenaria. A xestión municipal, indicou, “tivo que ter en conta ao longo de todo o 2022 diversas casuísticas como o enorme incremento da inflación, que supuxo un incremento dos prezos da electricidade, dos carburantes e das materias primas. Todo isto tivo como consecuencia o aumento destas partidas no orzamento municipal para seguir prestando os servizos básicos que nos toca xestionar”.
As axudas, as subvencións recibidas e os distintos convenios de colaboración acadados con outras administracións, así como a utilización de parte dese Remanente de Tesourería co que conta o municipio “permitiunos facer un importante esforzo inversor”, engadiu o edil. Conxelación de taxas e impostos desde hai 10 anos
Santos Costa quixo recalcar o complexo que é xestionar o orzamento municipal cando se absorben cada vez máis competencias, servizos, salarios e inversións, “sen ter subido nestes últimos 10 anos nigunha taxa e imposto municipal, evitando así que se vexan afectados os bolsillos da veciñanza”.