As concelleiras con dous dos pictogramas para os edificios públicos.

É unha medida esencial dirixida a democratizar os espazos públicos, nos que as persoas que padecen algún problema relacionado co correcto neurodesenvolvemento tamén precisan ter autonomía

Marín quere ser un Concello inclusivo, para todos e todas, onde ninguén quede atrás. Aínda é preciso seguir dando pasos en materia de accesibilidade, pero nestes días xa se avanzará moito no que respecta á comprensión e adaptabilidade dos espazos municipais para as persoas con TEA e outras situacións nas que se dá algunha problemática do neurodesenvolvemento.

As concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña presentaron as novas placas que se utilizarán para sinalizar os principais departamentos dentro da Casa Consistorial, así como para indicar os espazos doutras infraestruturas de titularidade municipal. Tal e como explicou Sanmartín, “traballamos coa asesoría da Fundación Juan XXIII e da Fundación Menela e decidimos utilizar os pictogramas recollidos e avalados pola rede Plena Inclusión, da que forman parte organizacións que se encargan de velar polo cumprimento dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual e de desenvolvemento a nivel estatal”.

Os pictogramas replican dun xeito sinxelo e con códigos comprensibles para estas persoas o nome de cada unha das estancias que se poden ir atopando ao longo do Consistorio ou dos locais municipais. Actuouse, por tanto, na sinaléctica dos aseos, Secretaría, o Padrón, Tesouraría, o Salón de Plenos… e un longo etcétera. Como se dicía, estas placas tamén estarán no Museo Manuel Torres, a Biblioteca Pública Vidal Pazos, as Casas de Cultura…

“As persoas con TEA ou con outras situacións clínicas precisan entornos comprensibles para mellorar a súa autonomía, autoestima e calidade de vida e por iso a información debe estar de forma sinxela. Pero tamén é unha axuda indispensable para aqueles que non dominan a lingua local ou que presenten dificultades na comprensión da Información”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *