Marín xa está enfrascada en pleno verán e coa vista posta nas Festas do Carme, nas que o aparcadoiro é unha das principais preocupacións tanto da veciñanza local como das persoas que nos visitan.
O Concello leva tempo traballando para establecer medidas específicas para estes días e anunciou esta mañá que o Porto de Marín cederá unha parcela de máis de 5.000 metros cadrados á altura de Cantodarea, que estará operativo do 12 ao 16 de xullo (ambos inclusive), en horario de 09.30 a 04.00 horas, totalmente gratuíto.
«Esta parcela permitirá aliviar a presión de estacionamento nos días claves das nosas festas, pero non é a única alternativa. Todos os nosos aparcamentos disuasorios estarán sinalizados con lonas, tanto desde dirección Pontevedra como desde Bueu, para que aqueles que non coñecen a súa ubicación previamente
poidan chegar sen problema», manifestou a alcaldesa, María Ramallo.
Á vez, a rexedora recorda que a través da APP Marín Smart «é posible consultar en tempo real a ocupación e a localización de cada un destes aparcadoiros, para evitar tránsitos innecesarios».
A maiores, o Concello destaca a ampliación no horario da liña de autobús Pontevedra-Marín, tamén do 12 ao 16 de xullo, habendo frecuencias cada media hora entre as 00.00 e as 04.30 horas.
Desde o Concello, animan a todas as personas que vivan no centro urbán a acudir á programación festiva a pé «para priorizar a persoas que viven máis lonxe, que veñen do rural ou doutros concellos».