O Concello de Marín vén de contratar a redacción do proxecto para poder levar adiante a substitución e reparación da cuberta da Biblioteca Pública Vidal Pazos. Trátase dunha actuación “moi necesaria debido aos problemas que se veñen dando nos últimos tempos de filtracións”.
Ademais, o obxectivo é poder contemplar un proxecto de máis envergadura, que tamén valore o estado da envolvente do inmoble e que se poidan valorar melloras de illamento que afonden en medidas de eficiencia enerxética. Unha vez o proxecto estea redactado, o Concello procederá a abrir a licitación co obxectivo de adxudicar os traballos e así poder executalos no menor tempo posible.
A Biblioteca é un espazo que actualmente é moi utilizado, tanto na súa parte baixa, onde se alberga a sala infantil e a de estudo, que ambas foron obxecto de melloras nos últimos anos; pero tamén no seu primeiro andar, onde a Aula CeMit acolle cursos de formación constantes e o salón de actos, no que se celebran actos culturais e sociais de todo tipo.