Vista aérea do concello de Marín.

As redes do Concello impulsan un vídeo resumo da estratexia europea de Marín para que a veciñanza comprenda a súa envergadura

Traballar para conseguir unha vila moderna, integrada, avanzada a nivel tecnolóxico e con todas as comodidades para a veciñanza, apostando por un modelo de economía sostible e coidadoso co noso medio ambiente. Eses son os obxectivos que persegue o Goberno local de cara a crear o Marín que queren, un Marín cada vez máis aliñado cos obxectivos globais que se traballan desde España e Europa e que procuran que os territorios sexan máis habitables para os veciños e veciñas.

Neste contexto, estanse a executar as grandes obras que forman parte do Marín Dusi, cofinanciada cos Fondos FEDER da Unión Europea e, agora, Marín contratará a súa Axenda Urbana local para seguir captando novos fondos que a entidade comunitaria pon a disposición dos concellos con proxectos sólidos e definidos. Para acadar esta Axenda, Marín encargará a elaboración dun PEAL (Plan Estratéxico de Acción Local). «Este documento», explica a alcaldesa, María Ramallo, «permitirá que definamos ben como canalizar os novos fondos europeos que entrarán para o próximo período 2021-2027».

Acadar a financiación europea non é un traballo sinxelo. O Concello ten que elaborar propostas e realizar un traballo burocrático moi relevante, que debe ser avalado por Europa para poder formar parte do grupo de municipios que finalmente acadan a financiación. No caso das Dusis, por exemplo, só 8 concellos da provincia, entre os que se atopa Marín, conseguiron o visto bo da Unión Europea.

E, que analizará o PEAL? Todo irá en base aos obxectivos estratéxicos da UE, que definen as áreas de maior importancia de cara ao futuro: territorio e paisaxe, modelo e cidade, cambio climático, xestión eficiente dos recursos, mobilidade e transporte, igualdade de oportunidades, economía urbana, vivenda, era dixital e instrumentos de intervención e gobernanza.

Para a elaboración deste PEAL, igual que ocorre co PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible do Marín Dusi), articularanse canles de participación cidadá. De feito, a alcaldesa lembra aos cidadáns «que temos aberta a enquisa de participación para este Plan de Mobilidade a través da nosa web», que consiste en responder, de xeito anónimo, a unha serie de cuestións relativas aos comportamentos e hábitos de mobilidade dos veciños e veciñas de Marín.

«Paralelamente a todo o camiño que levamos percorrido co Marín Dusi, do que estamos en plena execución, agora debemos continuar xestionando e optando a novos fondos europeos que nos permitan aplicar ao noso contexto local eses epígrafes, fomentando actuacións concretas que nos axuden a conseguilos desde unha perspectiva municipal», explicou Ramallo.

Novo vídeo para achegar á veciñanza o Marín Dusi

O Concello quere que todas as estratexias europeas estean cerca da cidadanía de Marín, que as comprenda e as impulse como propias. Por iso, hoxe a través das canles sociais do Concello (Youtube, redes sociais, web…), lánzase un vídeo explicativo do Marín Dusi.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *