O concelleiro visitando a aula CeMit.

A primeira entrega destes vídeos ensina á cidadanía como sacar un volante de empadroamento con apenas un par de clicks. Durante os próximos días, iranse publicando outras pezas informativas deste estilo explicando os principais trámites que poden ser útiles para a veciñanza.

Romper coa fenda dixital e achegar a toda a cidadanía, indepentemente da súa idade ou manexo tecnolóxico, as bondades da sede electrónica do Concello é un dos obxectivos que ten o Goberno local, despois de renovar este portal a través da cofinanciación dos fondos europeos. Para iso, a través da canle de Youtube municipal, subiranse varias pezas a modo de videotitoriais nos que se explique, paso a paso e con pantallazos do propio procedemento da sede, como se levan adiante trámites esenciais para a veciñanza.

Un deles, que é o que estrea esta nova sección de fomento da dixitalización, é sacar un volante de empadroamento, un trámite moi demandado para procesos de toda índole que antes só se podía facer en persoa. Agora, é posible facelo con apenas varios clicks e poder contar coa documentación en calquera momento.

Con respecto ao padrón municipal, estase traballando para que incluso sexa posible darse de alta como empadroado/a en Marín a través da sede electrónica. “É un trámite que temos previsto pero que aínda estamos desenvolvendo a nivel técnico para poder poñelo a disposición da cidadanía”, explican fontes municipais.

O obxectivo é poder axilizar a burocracia, axudar á veciñanza na súa relación co municipio e poder mellorar os ratios de resposta e resolución de necesidades. Así, outros dous trámites dos que se sacará titorial son a autorización para a ocupación de vía pública ou a solicitude de local municipal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *