O corpo de seguridade da nosa vila decidiu conmemorar este día en compañía das Policías Locais do Morrazo, co obxectivo de que esta celebración sexa rotatoria polos distintos concellos
O Museo Municipal Manuel Torres acolleu esta tarde un emotivo acto para conmemorar o Día da Policía Local, no que o corpo de seguridade de Marín englobou aos do resto do Morrazo: Bueu, Cangas e Moaña. Ao acto, asistiron axentes e familiares das catro Policías Locais, así como a alcaldesa de Marín, María Ramallo, e a de Moaña, Ledicia Costas; o xefe da Policía Nacional de Marín, Javier Fos; o xefe do posto da Garda Civil de Marín, Diego González; os xefes das Policías Locais dos concellos e Benito Calviño, en representación da Autoridade Portuaria.
Para abrir o acto, interviu o xefe da Policía Local, Benigno Blanco Area, e proxectouse un vídeo cunha recompilación de actuacións de axentes dos distintos corpos da Policía Local do Morrazo. O obxectivo é que cada ano esta data poida ser conmemorada de xeito rotatorio entre os catro concellos.
O evento tamén serviu para parabenizar e felicitar a aqueles que fan posible que a nosa vila sexa un espazo seguro. Por unha banda, entregouse un distintivo aos voluntarios de Protección Civil de Marín.
Asemade, desde a Policía Local quixeron felicitar de xeito público a Dimas Calvar Lorenzo e a Pedro Martínez Graña, dous nenos que prestaron especial colaboración e apoio nun dispositivo de búsqueda dunha persona desaparecida na nosa vila, con conclusión positiva.
Por outro lado, entregouse tamén un diploma aos axentes Salvador Montes López e a Xacobe Melón Ballesteros pola súa actuación en acto de servizo con notoria implicación, excedendo incluso o seu compromiso asignado en toma de posesión como funcionario público, poñendo en risco a súa propia integridade física.
Finalmente, entregáronse placas conmemorativas aos axentes que se xubilaron
este ano. Para finalizar o acto, interviñeron a alcaldesa de Marín e a de Moaña.