A concesión das parcelas dispoñibles, 72 en total, realizarase a través dun sorteo e as persoas que resulten beneficiarias poderán desfrutalas durante catro anos. As bases están na web e o prazo para inscribirse será do 10 ao 20 de xaneiro
A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, anunciou esta mañá que o Concello xa ten preparadas as bases para o novo concurso das hortas urbanas ecolóxicas, co obxectivo de sacalas a concesión para o período 2024-2027. Estas bases, que xa se poden consultar na web municipal, rexen como será o concurso das parcelas, cuxo prazo de inscrición irá do 10 ao 20 de xaneiro, ambos inclusive.
As 72 parcelas atópanse no entorno do Sequelo, nunha parcela situada na fachada posterior do pavillón de deportes. Cada unha delas conta cunha extensión aproximada de entre 10 e 12 metros cadrados e están concebidas coma un sistema no que cultivar individualmente verduras, froitas e hortalizas,
utilizando técnicas de agricultura ecolóxica, quedando prohibido o uso de elementos químicos.
“O modelo das hortas urbanas é un exemplo de éxito total”, asegurou a concelleira. “As persoas que resultaron beneficiarias dunha parcela nos últimos anos sempre resaltan os enormes beneficios que teñen para elas, ademais de que así coidamos do medio ambiente, fomentamos a participación cidadá, apostamos polo desenvolvemento sostible e promovemos a educación ambiental”.
Calquera persoa empadroada en Marín pode optar á concesión da explotación dunha parcela, aínda que terán prioridade os seguintes sectores de poboación: persoas xubiladas ou pensionistas cuxo único ingreso sexa a prestación por invalidez; persoas en paro sen prestación por desemprego, persoas con discapacidade de a lo menos o 33% e intolerantes químicos que demostren xustificante médico de dita intolerancia.
O prazo de presentación de solicitudes abrirá o 10 de xaneiro e estará vixente ata o 20, ambos días inclusive. O sorte realizarase o 25 de xaneiro ás 12.00 horas no Salón de Plenos do Concello. A inscrición poderá realizarse tanto a través da sede electrónica (sede.concellodemarin.es) como físicamente no Rexistro Xeral. Haberá que encher o formulario de inscrición e aportar unha fotocopia do DNI ou tarxeta de residencia. Ademais, será preciso achegar a seguinte documentación, en función de cada caso: documento acreditativo de acharse en situación de desemprego e non percibir prestación algunha, documento acreditativo de acharse en situación de xubilación, documento que acredite dispoñer como única fonte de ingresos unha prestación por invalidez, documento de grado de minusvalía e/ou informe
médico de Intolerancia Química.
No caso de que haxa máis solicitudes que parcelas dispoñibles, só se admitirá unha solicitude por enderezo de empadroamento. A maiores, aquelas persoas que actualmente xa disfrutan dunha parcela, poderán solicitala de novo e, no caso de que volvan saír beneficiadas no sorte, daráselles a mesma que veñen traballando nos últimos 4 anos.