Ademais desta inversión, está a contratación de todas as estacións decorativas, así como as carpas de Engado Marín e todas as actividades da programación do Nadal
A Xunta de Goberno Local aprobou onte abrir a licitación para poder contratar a iluminación que encherá de maxia e de cor o Nadal Marín. O obxectivo da contratación é o arrendamento, instalación, mantemento e desmonte das luminarias, así como os seus soportes e ancoraxes, que farán que as rúas e prazas de Marín respiren ambiente de Nadal.
O orzamento de licitación polo que sae o contrato é de 75.000 euros máis IVE, a mesma contía que o Concello destinou o pasado ano a este concepto. O acceso aos pregos e demais documentación necesaria para a presentación da oferta estará dispoñible a través do perfil de contratante por medios electrónicos.
Para a adxudicación do alumeado de Nadal non só se terán en conta as propostas económicas, senón tamén criterios de calidade e de experiencia de prestación deste servizo. Ademais, valorarase de xeito principal a utilización de tecnoloxías que permitan o aforro enerxético e a sostibilidade medio ambiental. Tamén o fomento da integración social de persoas con discapacidade, persoas desfavorecidas ou membros de grupos vulnerables.
En canto á propia iluminación, valorarase tamén a boa coordinación na colocación dos elementos nas rúas, a modernidade e a innovación dos elementos ofertados, así como a súa non repetición con respecto a outros anos.
Ademais desta inversión, o Concello fai outra importante aposta polas estacións decorativas, que veñen a completar á iluminación para engalanar Marín, así como nas carpas Engado Marín e todas as actividades que entran dentro da programación municipal