Mariano Abalo, concelleiro de ACE no goberno de Cangas e número 11 na candidatura de Alternativa dos Veciños.

Mariano Abalo, toda unha institución da política de esquerdas de Cangas, dá un paso atrás e pasará a ocupar o posto número 11 da candidatura que lidera a actual alcaldesa, Victoria Portas, baixo as siglas de Alternativa dos Veciños. Morrazo Noticias conversou con él para facer, baixo a súa visión, unha análise sobre o marco político actual que vive Cangas cara ao 28M e coñecer cal será a súa función a partir de agora.

MN.- ¿No posto 11 significa que se retira da actividade política?

MA.- É impensable que unha persoa que busca unha sociedade xusta e igualitária e que loite contra a corrupción abandone o compromiso e a actividade política.

MN.- ¿Cal vai ser o seu papel entón?

MA.- Intentar conseguir o mellor resultado posible para a Alternativa e contribuir a que a liña de intervención no noso Concello siga sendo de esquerdas e a favor dos intereses públicos.

MN.- ¿Tiña claro que nestas eleccións ía estar nunha posición máis discreta ou tiveron que convencerlle?

MA.- Todas as decisións relativas a candidatura foron postas en común e compartidas entre todos e todas as compoñentes dunha equipa capaz e solvente que combina renovación con experienza.

MN.- ¿Se é así quen lle suxeriu que tomase esta decisión?

MA.- O meu própio convencimento e a necesidade de loitar por sumar os mellores efectivos e conseguir mellorar os resultados para a esquerda consecuente.

MN.- ¿Que diferenzas hai entre ACE e Alternativa dos Veciños?

MA.- Máis ben o que existe é unha forte coincidencia en buscar o mesmo obxectivo da máis ampla unidade veciñal e unha maior firmeza na esquerda.

«En Alternativa temos a conciencia tranquila»

MN.- ¿Como definirías actualmente a situación da esquerda en Cangas?

MA.- Lamentable, porque non se soupo ler que o que tocaba era remar a favor da unidade da esquerda, ir na dirección dunha fronte popular. Primaron intereses partidistas sen entender que a división só beneficia a dereita, non pode ser que existan forzas de esquerda que non teñan escrupulos en meter nas alcaldías o PP coma ocurríu no Porriño.

MN.- ¿Quen ten a culpa?

MA.- Sempre é unha responsabilidade compartida pero na Alternativa temos a conciencia tranquila porque podemos acreditar que intentamos chegar a acordos que non froitificaron. Agora xa non vale lamentarse senon sentar as bases para chegar a acordos que eviten que a dereita volva á Alcaldía.

MN.- Hai quen di que a oposición da esquerda de Cangas é a propia esquerda ¿Está de acordo?

MA.- Sí, porque foron moitos e moitas os que non ocultaron que o seu único obxetivo era asfixiar o goberno municipal e desprestixiar a alcaldesa Victoria Portas, que iso beneficiase ao PP pouco importou. Ainda así nunca nos confundimos de nemigo e non entramos nese xogo ruín porque eramos conscientes que desa maneira só se estaba a traballar para a dereita.

MN.- EU con Aurora Prieto preséntase como candidata ¿Volvería Alternativa dos Veciños a pactar con ela de necesitalo para poder gobernar?

MA.- A mán tendida da Alternativa con outras forza sempre a mantivemos e seguirá tendida pero non para que nos mordan nela. Se se defende unha liña e un programa de esquerdas nos atoparemos, pero tamén somos claros. Se se reincide en coincidir coa dereita será dificil, pero ainda así agardamos que as directivas políticas dos partidos corrixan unha deriva que denigra a política.

«EU e PSdeG teñen que dar unha viraxe á esquerda»

MN.- ¿E co PSdeG?

MA.- Sempre que se recompoña unha actuación e un programa de esquerdas como decia aí estaremos pero tén que haber unha viraxe a esquerda e comprometerse a apoiar a lista máis votada da esquerda.

MN.- ¿Foi máis efectivo gobernar Cangas con tres concelleir@s que con oito?

MA.- Aos feitos me remito, xa non toca valorar o que fixeron os demáis, nos reivindicamos o feito de estar a punto de reducir a débeda de 15 a 3 millóns, de sair dos plans de axuste, de conseguir a subvención máis importante da história de Cangas (cercana aos 3 millóns de euros) para renovar casi 6000 luminárias, de incrementar notoriamente as axudas de emerxencia social e de axuda no fogar, e empezar a promover importantes actuacións en abastecemento e sanemento, ou en parque infantís e entre outros resultados ter xa adxudicadas as obras da piscina e do estádio de atletismo. Igual que o arranxo do paseo de Rodeira e cambio a led no Campo do Morrazo e outras actuacións que por espazo daremos a coñecer de forma máis ampla.

MN.- ¿Qué pode dicir de Vitoria Portas? ¿Como a definiría?

MA.- Como unha garantia tanto pola súa capacidade como pola súa honestidade, o pulo a súa candidatura é a mellor maneira de derrotar a xestión nefasta e ruinosa de Sotelo pois os  «pelotazos» urbanísticos deste señor provocan un novo furado económico perto dos 5 millóns de euros que poden levar aos veciños e veciñas de Cangas a soportar esta débeda e tamén pode levarnos a un novo plan de axuste, unha nova intervención do Concello. Por iso. Victoria Portas resulta imprescindible a hora de frear a dereita e de facer avanzar a esquerda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *