Pleno histórico o de onte no Concello de Moaña que, por primeira vez, elixiu por aclamación Cronista Oficial do municipio no nome de Manuel Uxío García Barreiro. Un home ao que todos os grupos que compoñen a corporación describiron como un investigador incansable sobre o pasado de Moaña.
A primeira en intervir foi a portavoz do PSdeG, Marta Freire, quen destacou o seu «compromiso» con Moaña e a súa «solidariedade» co tecido asociativo e co propio Concello co que colabora cada vez que llo piden. «Permitiunos coñecer de onde vimos», dixo Freire.
Tras ela, o edil popular Vicente Verdeal que cualificou a Uxío como unha persoa «á que o pobo de Moaña vai estar eternamente agradecido» polo traballo investigador que fixo para todos os veciños. «É unha honra que haxa persoas como ti», concluíu Verdeal.
Pola súa banda, desde o BNG, Odilo Barreiro, apreciou o seu carácter «versátil» á hora de culminar os seus estudos e a persoa «incansable» que é na difusión dos seus coñecementos á cultura moañesa.
O encargado de pechar a rolda de intervencións políticas foi o portavoz de XM, Javier Carro, do cal partiu a iniciativa de propoñer a Manuel Uxío como Cronista Oficial de Moaña. «Para min é unha emoción», indicou, e lembrou que a idea de designar a García Barreiro con este orgulloso distintivo partiu dun ex edil de Cultura, Salvador Meira.
A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, pechou a quenda de participación recollendo as palabras de todos os grupos políticos e destacando a valía persoal e profesional deste moañés que, desde que se xubilou como mariño mercante aos 60 anos, dedicou a súa vida á investigación e a historia de Moaña.
Un pleno emotivo
Arroupado por gran parte da súa familia e visiblemente nervioso, García Barreiro agradeceu as palabras e as mostras de agarimo dos presentes, nun salón cheo ata completar o aforo que permite o Covid-19. Tanto é así que, mesmo, houbo persoas que non puideron acceder ao interior da sala por este motivo.
O pleno extraordinario discorreu sen incidentes, aplausos e con algunha sorpresa. A edil de Promoción Económica, Coral Ríos, destapou o cartel desta edición de Moaña Días de Mar dedicado ao novo Cronista Oficial de Moaña cunha frase recollida no prólogo que Iria Collazo realiza para o seu libro «Mulleres senlleiras que residiron en Moaña»: «Manuel Uxío dálle voz nesta obra ás silenciadas, ás prohibidas, ás rebeldes, ás sometidas, ás esquecidas, ás veladas. Lean e imaxinen, como fixen eu, a resposta a tantas preguntas que suscita a vida e obra das protagonistas da outra metade da historia».
O acto culminou cunha foto de familia na escalinata do Concello para o recordo de Barreiro pero tamén da historia de Moaña, da que Uxío xa forma parte dunha maneira oficial.