Poderase acudir a realizar trámites en Tesourería, Rexistro e Padrón sen necesidade de usar este sistema de cita previa que, así a todo, seguirá activo para quen prefira utilizalo
A partir de mañá, 1 de outubro, volve a actividade nos locais municipais dependentes do Concello de Marín, para os que se elaborou un protocolo de acceso e de utilización para que se cumpra, en todo momento, coa normativa vixente a nivel sanitario.
Os espazos que están suxeitos ao protocolo son o Parque Azul de Cantodarea, a antiga Aula de Música, os salóns da Finca de Briz, o local social da Cañota, a antiga Cámara Agraria, as Casas de Cultura de Seixo e Mogor e os salóns de Méndez Núñez. O uso destas instalacións está dirixido ás asociacións e entidades sociais e culturais que están censadas no Rexistro Municipal de Entidades do municipio de Marín.
Na páxina web do Concello pódese descargar o protocolo relativo ao uso das instalacións municipais, no que se poden atopar ademais os anexos que se deben presentar para poder acceder ás mesmas.
Fin da obligatoriedade na cita previa
Por outra banda, a partir do día 1 tamén rematará a obligatoriedade de solicitar cita previa para vir realizar trámites nos departamentos de Rexistro, Tesourería e no Padrón. Así a todo, aínda que xa non será obligatorio, o bo funcionamento que deu o sistema motiva o seu mantemento para aquelas persoas que queiran seguir utilizándoo.
No que respecta ás consultas cos departamentos técnicos si será preciso pedir cita, tal e como xa se viña facendo antes da chegada da pandemia.
Esta fin da obrigación da cita previa estenderase tamén para a Biblioteca Pública Vidal Pazos, na que se poderá acceder ao préstamo con normalidade e que a partir do venres recuperará o seu horario habitual, de 09.00 a 21.00 horas.