Comensales esta fin de semana en Figueirido.

A edición deste ano homenaxeou a traxectoria vital e profesional de Divina Boullosa Rodríguez, veciña do Alcouce de 89 anos

Máis de 200 persoas secundaron este domingo a convocatoria da Comunidade de Montes e da Asociación de Veciños de San Andrés para participar na IV Comida de Confraternidade de Figueirido, un encontro que busca reforzar os lazos comunitarios e recoñecer a traxectoria de persoas que teñen contribuído de maneira destacada á vida social da parroquia.

Nesta edición, a homenaxe recaeu en Divina Boullosa Rodríguez, de 89 anos, nacida no Alcouce o 6 de decembro de 1936, apenas cinco meses despois do estalido da Guerra Civil. A súa infancia e xuventude, como a de tantas persoas da súa xeración, estiveron marcadas polas dificultades dunha guerra, dunha longa posguerra e dunha ditadura que condicionou profundamente a vida no rural.

Divinia durante o seu homenaxe.

Divina Boullosa recibiu agasallos tanto da Comunidade de Montes e Asociación de Veciños, como de César Poza, alcalde de Vilaboa, que lle fixo entrega dunha peza de función dun dos elementos patrimoniais máis importantes do municipio, a paneira da Rectoral.

Divina estudou na escola pública de Figueirido e, ao rematar a formación primaria, decidiu dedicarse á costura, unha das poucas opcións profesionais ás que podían acceder as mulleres do rural naquela época. Formouse nunha academia de corte e confección en Pontevedra e, en 1959, casou con Constantino Lamoso Couso, veciño moi implicado nas necesidades da comunidade, alcalde de Vilaboa e impulsor de iniciativas fundamentais para o avance da parroquia, como a fundación da Asociación de Veciños, a comisión do cemiterio, as traídas de augas ou a propia Comunidade de Montes. Para el hubo tamén un emotivo e entrañable recordo. César Poza, que pediu un cariño aplauso para quen foi o seu antecesor, que recoñeceu o impulso que durante os seus mandatos lle dou ás infraestruturas básicas do municipio e asegurou que o fixo coa complicidade da súa dona, “porque naquela época para que moitos homes se adicaran á vida pública, as mulleres asumían casi exclusivamente o coidado da casa e da familia”.

Xuntos compartiron 64 anos de matrimonio na súa casa de Balteiro, sempre dispostos a axudar aos seus veciños. A parella tivo dous fillos, Tino e Ludi, e tres netas: Sara, Laura e Andrea. En 2023 Divina sufriu a perda do seu home, un golpe moi duro dada a estreita unión que sempre mantiveron.

Lonxe de deixarse frear polas limitacións da época, Divina decidiu emprender e abriu no seu domicilio un taller de costura ao que dedicou máis de catro décadas de traballo, sempre coa radio como compañeira inseparable. Aquel pequeno obradoiro non só foi o seu sustento, senón tamén un espazo de aprendizaxe e encontro polo que pasaron xeracións de mulleres de Figueirido e arredores ata 1993, ano no que puxo fin á súa actividade profesional como modista.

A súa filla Ludi, que a acompañou durante a homenaxe, quixo compartir este recoñecemento coas moitas mozas que acudiron ao taller da súa nai hai xa moitas décadas, un centro no que se teceron moitas relacións confraternais. Coa homenaxe deste domingo, a Comunidade de Montes e a Asociación de Veciños quixeron recoñecer o valor, a perseveranza e o espírito emprendedor dunha muller que, nun tempo no que as mulleres estaban relegadas ao ámbito doméstico, decidiu construír o seu propio camiño profesional e contribuír ao desenvolvemento económico, social e persoal doutras mulleres da parroquia.

A xornada estivo acompañada dun xantar de confraternidade e da música do trío Armonía, que puxo o broche festivo a un encontro que xa se consolidou como unha cita anual de referencia para a comunidade de Figueirido.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *