Pleno de Marín.

O período e de dous anos e trátase dun dos contratos máis cuantiosos que enfrenta o Concello

O Pleno da Corporación celebrado esta tarde-noite no Concello de Marín deu luz verde aos pregos que compoñen o expediente de contratación do Servizo de Axuda no Fogar, unha prestación básica dos Servizos Sociais, que consiste na prestación de coidados e apoio asistencial a persoas que non son autónomas á hora de levar adiante as actividades básicas da vida diaria (sobre todo, persoas anciás pero tamén hai perfís de calquera idade que presentan necesidades específicas).

Tal e como expuxo a alcaldesa, María Ramallo, durante a sesión plenaria, existen dúas modalidades deste servizo, “a que se presta ás persoas dependentes e a de libre concorrencia, que é para aquelas que teñen solicitado que se lles recoñeza o grao de dependencia pero que aínda están pendentes do mesmo”. Trátase dun contrato complexo e de gran custo para as arcas municipais, posto que sumando o prezo das 70.500 horas anuais que se prevén para a realización do servizo, dá un total de 1.643.635 euros por ano. O contrato ten unha duración de 2 anos con dúas prórrogas posibles, polo que o valor estimado do contrato en total será de 7,2 millóns de euros.

Ramallo detallou que Marín conta nestes momentos “con 89 usuarios de Dependencia, a gran maioría deles cun grao III, o máis elevado, e 6 de libre concorrencia”. Ademais, informou de que o contrato suporá unha subrogación de todo o persoal que actualmente está executando este servizo a través de dúas
empresas.

Con esta luz verde do Pleno, agora iniciarase o trámite de adxudicación para poder avanzar e licitar canto antes este servizo tan esencial, que engloba tarefas en tres ámbitos de actuación:
a) Atención persoal: Como por exemplo, a hixiene e coidado da persoa, axudala a vestirse, axuda a nivel físico-motriz, mobilizacións e traslados, preparación de comidas, control da medicación, acompañamento, etc.
b) Atención ao fogar: Limpeza, compras, coidado da roupa, detección de situacións de risco na vivenda que requerirían de adaptacións do fogar…
c) Integración no entorno: Desprazamentos fóra dodomicilio, actividades para manter as facultades cognitivas facilitando a relación coa familia e amigos…

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *