O Pleno da Corporación deu luz verde esta tarde á aprobación inicial da ordenanza reguladora das licenzas de instalacións de terrazas, que actualiza esta normativa no municipio e que porá as bases para a homoxeneización da estética deste mobiliario.
Tal e como explicou a concelleira de Medio Ambiente e Benestar Social, Marián Sanmartín, “a hostalaría é a día hoxe un sector especialmente azoutado pola pandemia e aínda agora non recuperaron os seus horarios nin aforos habituais”. Neste contexto, Sanmartín incidiu en que as terrazas convertíronse “no punto de partida para poder abrir as portas dos negocios e poder comezar traballar, e segue sendo a alternativa máis demandada pola cidadanía, constituíndo espazos de convivencia e dinamizando moitísimo a economía do seu entorno”.
Desde o Concello, lévase traballando desde o inicio da pandemia para poder aumentar a ocupación de espazos públicos ao aire libre para o uso de terrazas, para tratar de compensar as limitacións no interior dos locais. Por iso, “fíxose necesaria a aprobación dunha norma que regulara a concesión destas licenzas e o seu uso. De aí a necesidade de modificar esta ordenanza”, aclarou a edil.
Polos prazos necesarios, entre consultas previas, aprobacións e exposicións ao público, e para poder traballar na aprobación das licenzas para este verán, aprobouse previamente unha instrución a finales de abril e así solventar o problema que xeraba traballar coa anterior ordenanza.
Agora, coa posta en marcha da modificación da ordenanza, “obtemos xa procedemento uniforme e claro”. O obxectivo, conta Sanmartín, é “asegurar unha axeitada conciliación destes usos co disfrute dos espazos públicos pola veciñanza e os visitantes”. “Entendemos que a hostalaría é un motor de dinamización económica que debemos preservar a manter”, asegurou a concelleira na súa intervención, que indicou que a ordenanza servirá tamén para mellorar a integración paisaxística da actividade, homoxeneizando o mobiliario urbano.
Deste xeito, defínense os elementos que poderán integrarse nas terrazas:
1.- Veladores compostos por unha mesa e un máximo de catro sillas
2.- Elementos de sombra, como sombrillas, parasois ou pérgolas
3.- Elementos de climatización, como calefactores ou ventiladores
4.- Paramentos desmontables, como paraventos, macetas…
Non se poderá poñer publicidade e haberá unha regulación dos materiais, que deben ser resistentes, de fácil limpeza e con deseños atractivos, que se utilice colores neutros, con uso preferente do negro, branco, gris metalizado, ou similares. Os hostaleiros terán unha marxe de dous anos para ir actualizando o mobiliario ás novas condicións.
Despois desta aprobación inicial, agora iniciarase un período de exposición pública para a realización de alegacións, para así depois proceder á súa aprobación definitiva.