Visita ao Ceip A Torre de Bueu.

O delegado territorial da Xunta, acompañado polo alcalde de Bueu, Félix Juncal, visitou o centro para coñecer o seu proxecto, gañador do premio Innovagal da Consellería de Educación

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou este mediodía o “gran traballo en materia de innovación educativa” realizado polo CEIP Plurilingüe A Torre-Cela, no Concello de Bueu, para seguir mellorando o ensino público.

O representante autonómico puxo en valor esta tarefa nunha visita realizada a este colexio xunto ao xefe territorial de Educación, César Pérez, e o alcalde de Bueu, Félix Juncal, para coñecer o seu proxecto e modelo educativo, que vén de ser distinguido co premio Innovagal, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e dotado con 10.000 euros.

Este galardón destaca a aqueles centros que aplican métodos innovadores no ensino para favorecer o rendemento, a aprendizaxe e a socialización dos alumnos e recoñeceu o traballo deste centro de Bueu, que apostou por orientar a súa metodoloxía ás vivencias e experiencias dos alumnos e ao incremento da motivación e dos niveis de coñecemento e competencias.

Dito formato comezou a aplicarse no colexio dende hai once anos e centrouse na importancia dos espazos coa mellora dos patios, o fomento da convivencia cun completo programa de titorización e o impulso da biblioteca escolar, entre outras iniciativas.

Ademais da reforma física da biblioteca e dos patios acometidas hai tres anos, este colexio tamén destacou por implantar, neste tempo, un Consello Escolar Infantil con periodicidade trimestral, a posta en marcha de Escolas de Familias, o traballo en equipos internivel ou o emprego das novas tecnoloxías.

Luis López destacou todo este traballo e engadiu a “gran implicación” do CEIP buenense na implantación dos distintos programas educativos ofrecidos pola Xunta relacionados coa metodoloxía educativa, a biblioteca, a radio escolar, a robótica, as TIC, os plans de convivencia, o plurilingüismo, o Abalar ou o E-Dixgal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *