Silvia Carballo, concelleira de Promoción Económica e Turismo de Bueu, reunirase o vindeiro luns, 2 de maio, ás 12.00 horas, cos hostaleiros e hostaleiras da vila que desexen participar na XXI Festa do Polbo, que se celebrará a mediados de agosto.
Despois de dous anos de ausencia da festa por mor da pandemia, o obxectivo deste encontro é analizar a organización do evento que promove un dos produtos estrela da vila: o Polbo das Rías. Por este motivo, a edil convida aos locais de hostalaría interesados a que se acheguen a esta xuntanza que terá lugar na Sala de Xuntas situada no 2º andar da Casa Consistorial.
A festa do polbo naceu coma un proxecto para pór en valor o polbo, e por iso cada ano se ofrece unha programación na que as persoas asistentes poden degustar unha gran variedade de especialidades elaboradas con este cefalópodo, ao tempo que se promoven actividades culturais. Cunha vintena de anos de historia, a día de hoxe é un dos eventosmáis exitosos da tempada estival no municipio bueués.