É a primeira alcaldesa de Moaña e este domingo aspira a revalidar este título, aínda que confía en poder facelo con maioría absoluta. Compaxina as súas funcións de rexedora cos innumerables actos como candidata que desenvolve nas cinco parroquias. A poucas horas de que termine a actividade electoral e chegue a xornada de reflexión puidemos conversar con ela sobre pasado, presente e futuro.
MN.- Oito años no goberno ¿afronta coa mesma ilusión esta campaña electoral?
LS.- Para nós, como veciñas non hai máis honra ca representar ao noso pobo, ter conseguido mellorar tanto a nosa vila nestes 8 anos partindo dunha posición moi difícil, é só o comezo do proxecto de futuro que temos para Moaña. Por iso podo dicir que estamos cheas de ilusión, móvenos o amor e facemos campaña desde a ledicia.
MN.- ¿Qué ten de diferente, se é que o ten, esta campaña con respecto ás anteriores?
LS.- Pois si que é diferente, notamos moita simpatía e apoio alí onde imos. Notamos a
ilusión da xente por seguirmos a construír conxuntamente o futuro que Moaña
merece, soñamos Moaña en grande, con novos proxectos e novas iniciativas,
continuando a senda de progreso que caracteriza aos gobernos BNG.
MN.- ¿Está sendo intensa a campaña?
LS.- Esta campaña está a ser intensa, e no noso caso moi concentrada, xa que temos que desenvolvela mentres seguimos atendendo ao traballo no Concello polas mañás e nos actos institucionais polas tardes, como sempre fixemos.
MN.- ¿Qué opina dos outros candidatos?
LS.- Nós estamos centradas no noso proxecto e en atender á nosa veciñanza, a quen lle corresponde valorar ás candidaturas é á xente.
MN.- ¿Cumpriu o seu programa electoral de 2019?
LS.- Si, cumprimos co programa de goberno e a maiores conseguimos atender ás necesidades da poboación durante a pandemia, sen deixar a ninguén atrás, axudando ao tecido empresarial, cultural e deportivo. E tamén conseguimos rehabilitar o Concello Vello e iniciar novos proxectos que se rematarán no vindeiro mandato.
MN.- Entendendo que aspira a lograr a maioría absoluta nas urnas, se isto non fose posible estaría disposta a volver pactar co PSdeG e con Mario Rodríguez? Mario, desde a secretaría xeral do PSdeG de Moaña foi moi crítico con vostede durante estes catro anos…
LS.- Contamos cun equipo movido polo amor a Moaña, cunha enorme capacidade de traballo e disposto a incrementar o ritmo de transformación da nosa vila, ademais desde o BNG demostramos que temos capacidade de diálogo e de liderado dun goberno progresista, que acata a vontade popular porque o pobo é quen máis ordena.
MN.- Hai un run run en Moaña de que dará o salto á política autonómica ¿qué hai de certo?
LS.- Moaña é xa unha vila referente para toda Galiza e tamén no exterior, mais o noso proxecto está centrado en Moaña e eu estou comprometida con levalo a cabo.
MN.- Marcháronselle dúas persoas importantes dous primeiros postos ¿foille fácil conformar a candidatura?
LS.- Os compañeiros Aldán e Odilo dan un paso ao lado na candidatura, mais non abandonan a política, no BNG temos a sorte de contar co mellor equipo humano e iso fai que cada vez se sume máis xente comprometida.
MN.- ¿Cómo a describiría?
LS.- A nosa candidatura representa a diversidade da sociedade de Moaña, un equipo comprometido, con capacidade de traballo, con experiencia, con talento e con ilusión por darlle a Moaña máis porvir!
MN.- ¿Cómo explicaría aos veciños o seu proxecto para o próximos catro anos?
LS.- O noso proxecto persegue o obxectivo de facer de Moaña o mellor lugar para vivir, por iso propoñemos un incremento no ritmo de transformación da nosa vila, porque soñamos Moaña en grande, chea de vida, de oportunidades, de espazos verdes e amables, de novas dotacións (culturais, museísticas, educativas e deportivas), en definitiva, perseguimos darlle á veciñanza o mellor futuro que tanto se merece.