Pontón, xunto a Santos e Barreiro no composteiro.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, puxo hoxe a Moaña como exemplo en políticas ambientais despois de recibir o premio Congreso do Medio Ambiente, de ámbito estatal

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, ten claro que hai que é «fundamental» aumentar a protección dos montes do municipio e para iso aposta porque sexan incluídos na Rede Natura 2000, cuxa cobertura pretende o BNG ampliar do 12 por cento actual do territorio ambiental galego ao 20 por cento. Unha proposta a dos nacionalistas que permitiría case duplicar o espazo protexido e preservar habitats de valor ambiental ante o espolio do lobby eléctrico en pleno boom eólico, convertido en barra libre polo Goberno do PP.

Para Santos, a construción do Corredor e posterior ampliación en autovía xa supuxo unha agresión importante que se tentou minimizar no posible pero a «riqueza patrimonial, natural e paisaxística de Moaña é das poucas que quedan nas rías Baixas», polo que as políticas ambientais son un «eixo no noso goberno» que se manifesta nunha «convivencia do urbano co mundo rural en perfecto equilibrio». «O coidado do medio ambiente é algo transversal en todas as accións de goberno», expresou.

Foto institucional na porta do Concello de Moaña.

Moaña, exemplo de defensa medioambiental

E precisamente, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou esta mañá o Concello de Moaña para «recoñecer o labor que se está facendo desde todo o equipo de goberno local no que se está vendo que hai un proxecto transformador para facer de Moaña un concello verde e respectuoso co Medio Ambiente».

Mostra dese coidado ambiental, indicou Pontón, é o premio estatal Congreso do Medio Ambiente que a pasada semana recibiu o Concello de Moaña en Madrid pola súa aposta pola compostaxe. Neste momento Moaña ten repartidos máis de 450 COINS e ten en funcionamento 11 CCC, que se traduce nunha participación de máis 1000 fogares.

Precisamente, tras a visita ao consistorio, a delegación encabezada por Pontón e por Santos, xunto a concelleiros do goberno local, trasladouse a visitar o composteiro situado nas inmediacións da fonte cibernética da Alameda. «Aínda que o problema é global, cando vemos premios como o da compostaxe vemos que con actos individuais como o de Moaña tamén se poden ir cambiando cousas», significou Pontón.

Ademais deste premio nacional, Moaña tamén conta coa Bandeira Verde de Galicia que recibiu de mans da conselleira o pasado ano.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *