O Concello de Bueu culminou onte a Semana da Cultura Mariñeira cunha
homenaxe a Staffan Mörling, coñecido como ‘o mozo sueco de Ons’, e que realizou un
gran traballo investigador a prol das embarcacións tradicionais deste espazo. Así o
lembraron Félix Juncal, alcalde de Bueu, e Xosé Leal, concelleiro de cultura, no acto
celebrado no Estaleiro da Banda do Río e ao que asistiron moitas persoas que valoran o
traballo deste home que nos deixou hai unhas semanas.
Xurxo Souto actuou como mestre de cerimonias cun discurso no que falou de Mörling
como unha persoa namorada de Ons e das súas xentes, que soubo describir o enorme
patrimonio cultural e histórico desta comunidade á que, tamén, incrementou a
autoestima. Souto lembrou aqueles anos nos que o sueco chegou a Ons e descubriu as
dornas, unha experiencia que se uniu ao seu namoramento pola que despois foi a súa
muller, a illá Josefa Otero. “O proxecto de Staffan Mörling foi pangalaico, percorreu
todas as ribeiras, e aí reside a súa transcendencia e a súa posta en valor”, salientou
Souto, quen tamén tivo palabras para a loita que na actualidade está levando a cabo a
veciñanza da Illa pola defensa dos seus dereitos.
O acto estivo acompañado pola actuación da Banda de Gaitas Manxadoira, que puxeron
o toque musical cunhas pezas de estilo mariñeiro. Así mesmo, aínda que a muller e o
fillo de Mörling non puideron asistir debido á Covid-19, si que había entre o público
familiares residentes na vila, ademais de xentes do mundo cultural e representantes
políticos. O broche final púxoo Marcos Campos, director de Manxadoira, coa
interpretación do himno sueco na gaita.