As vilas multiplican a súa poboación e a chegada de turismo supón unha importante fonte de ingresos para o tecido empresarial da comarca do Morrazo. Por outra banda, para os máis pequenos do fogar chega a época de deixar atrás o cole e centrarse en desfrutar do verán e do tempo libre. E é aí tamén onde Fecimo quere posicionar o comercio local do Morrazo como un referente para ese público xoven que nuns anos serán os seus consumidores.
Co obxectivo de potenciar as vendas do comercio local da comarca, antes da chegada das rebaixas e fidelizar aos clientes con nen@s en idade escolar de infantil e primaria, ao mesmo tempo afianzando a marca de «comercio local» entre o público xoven da comarca, a Federación levará a cabo a campaña de dinamización comercial «Móllate polo teu comercio» que dará a benvida ao verán no Morrazo.
Como funciona a campaña?
A campaña terá lugar do 29 de maio ao 23 de xuño do 2023 e consistirá en, por un lado, incentivar as compras no comercio local mediante o sorteo de 600 € en PREMIOS, entre tódolos tickets rexistrados, fruto das compras ou servizos mínimo de 10€ realizad@s nos establecementos participantes durante o período de vixencia da campaña, en www.comerciodomorrazo.com. O sorteo dos premios en tarxetas regalo terá lugar o luns, 26 de xuño.
E por outro lado, ofrecer aos clientes e potenciais clientes do comercio local con crianzas a posibilidade de obter, mediante as compras, ENTRADAS para que os máis pequenos do fogar poidan asistir á UNHA GRAN FESTA final de campaña onde se dará a BENVIDA AO VERÁN e onde poderán disfrutar de: INCHABLES, ZONA DE XOGOS POPULARES, ZONA DE OBRADOIROS, DJ INFANTIL e remate final cunha FESTA DA ESCUMA.
A dinámica de participación para obter as entradas para as festas é moi sinxela, os clientes por cada compra mínima de 10€ recibirán un SELO, por parte do establecemento participante. Unha vez reunidos tres selos de tres establecementos distintos (3 compras mínimo 10€), esa ENTRADA será válida para acceder á festa final de calquera das tres localidades.
Festas Infantís Benvida ao Verán
As festas de fin de campaña serán os seguintes días nas localidades indicadas:
Mércores, 28 de xuño nos Xardíns do Sinal en Cangas de 17:30 h a 20:30 h.
Xoves, 29 de xuño no Palco da Música en Moaña de 17:30 h a 20:30 h.
Venres, 30 de xuño na Praza Massó en Bueu de 17:30 h a 20:30 h.
Esta campaña está organizada por FECIMO, a través das asociacións locais ACIBU, ACICA e ACIMO, cofinanciada pola Xunta de Galicia, e conta coa colaboración dos Concellos de Bueu, Cangas e Moaña.