Varias deceas de persoas participaron na prantación do Bosque da Memoria.

Os familiares das vítimas do Covid-19 na residencia DomusVi de Aldán, en Cangas, levaron a cabo hoxe unha mobilización para volver dous anos atrás e lembrar como a falla de persoal, de prevención, o abandono e o incomprensible edadismo provocaron mortes e unha fonda tristura que nunca logrará sanar». «A Covid segou e cambiou moitas vidas, sendo os usuarios de residencias en todo o estado, as vítimas máis numerosas e vulnerables», manifestaron no discurso, no que tamén reclamaron transparencia para saber o número de vítimas reais no centro cangués.

«En Aldán, a falla de cifras oficialmente recoñecidas, dado o ocultismo imperante, cando menos 38 familias perderon unha nai, pai, avó, avoa… deixando feridas imposibles de pechar, feridas que piden a berros xustiza, xustiza que ainda non chegou, pero que chegará, pois non nos resignamos e seguiremos loitando para que se investigue o ocorrido», advirtiron.

E neste contexto, para tratar de que a loita se manteña viva, crearon na contorna do campo de fútbol de San Amaro, en Beluso, o Bosque da Memoria «en homenaxe ás persoas arrebatadas en soidade, de súpeto e lonxe dos seus». «Queremos, con este bosque que nace aquí hoxe, crear un monumento vivo que medre, con profundo agarimo e lembranza aos nosos seres queridos e que evite, asi pasen os anos, que a memoria dos homenaxeados se esvaeza», explicaron.

Con este objetivo seleccionaron diferentes árbores e arbustos, para representar na súa diversidade, que todas e cada unha destas persoas «era única e diferente». Escolleron especies autóctonas, que medrarán fortes, rexas e profundamente arraigadas a esta terra, como así foron os homes e mulleres que hoxe lembramos.


Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *