Sobre a casa do patrón do Villa de Pitanxo, un dos tres sobreviventes do naufraxio, apareceron hoxe tres marcas de pintura vermella que alguén lanzou á fachada e o perímetro da vivenda de Juan Padín. Aínda que todo quedou aí e non houbo máis danos, investígase quen foi o autor ou autores. Mentres tanto, as familias das 21 vítimas, 9 falecidos e 12 desaparecidos, desmárcanse absolutamente do sucedido.
«Demostramos durante todo este tempo un comportamento exemplar e afastado de calquera manifestación violenta e así seguiremos facéndoo», manifesta nun comunicado, onde tamén indican que «confiamos no traballo das forzas e corpos de seguridade do Estado e da Xustiza».
Tamén informan de que o próximo 18 de marzo, véspera do Día do Pai, ás 18:00 horas, celebrarase unha misa para todos no templo novo de Marín.