Tras o éxito da pasada fin de semana coa obra «Gramola Gominola», a concellería de Cultura de Cangas traerá o espectáculo «C@nto Contigo» de Paco Nogueiras. Será o vindeiro sábado 22 de abril no Auditorio Xosé Manuel Pazos e a entrada será totalmente gratuíta.

«C@nto Contigo» é un espectáculo onde Paco Nogueiras fai un percorido por cancións dos seus traballos “Brinca Vai!”, “Radio Bulebule” e “Extra!” sacando a nosa lingua a voar de xeito lúdico e divertido. Neste grandes éxitos hai retrousos e cancións para participar activamente, bailando sen complexos, acompañando coa voz, coas palmas ou con acenos.

Paco Nogueiras chega acompañado dos seus instrumentos facendo un percorrido por un amplo abano de estilos musicais , dende o techno ao rock, pasando polo reggae ou a música electrónica, aínda que sen esquecer as influencias tradicionais.

«C@nto Contigo» convértese así,nunha oportunidade de cantar con amigos e amigas nun particular concerto onde a música e o humor transformará a túa escola, biblioteca, auditorio, rúa, praza, vila, aldea…nunha festa moi especial onde ti es protagonista.

«C@nto Contigo» viaxará alí onde alguén queira cantar, rir, bailar ou simplemente escoitar coas mans e as orellas ben abertas! Asi que … colle aire, saca o teu mellor sorriso e … cantemos!.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *