A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais no núcleo urbano de Cangas cara á ría de Vigo.
Este foco foi localizado baixo o paseo marítimo, no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.
As mostraxes efectuadas nun punto de evacuación de augas pluviais localizado baixo o paseo marítimo, onde o caudal presentaba un aspecto irregular, confirmaron a existencia de contaminación.
Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Cangas para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar o foco contaminante, identificando a orixe nas augas residuais xeradas na praza de abastos: tanto os baldeos realizados como as augas domésticas dos aseos vertíanse erroneamente cara ao dominio público a través do desaugue de augas pluviais inspeccionado.
Nunha nova visita á zona, os técnicos da Xunta verificaron que as conexións das augas residuais das instalacións municipais cara á rede de saneamento realizadas polo Concello permitiron o cese do foco no paseo marítimo e a emenda do vertido.