A alcaldesa, María Ramallo, recibiu no Concello a Carla Núñez de la Peña e a Greta Sampedro Carpintero, ambas estudantes de 4o da ESO no Colexio Plurilingüe SEI San Narciso e que obtiveron unha das 400 becas que otorga a Fundación Amancio Ortega aos mellores expedientes para cursar 1o de Bacharelato en Canadá ou en EEUU.
Tal e como lle contaron as alumnas á alcaldesa, Carla irá a Terranova a pasar este curso escolar e Greta está á espera da adxudicación de praza, aínda que xa sabe que será en Estados Unidos.
As estudantes foron á recepción do Concello acompañadas de pais e mestres do claustro do centro. A alcaldesa quixo felicitalas polo gran traballo feito ata o momento, “que se pode ver reflexado nos vosos expedientes académicos impecables” e desexoulles a ambas que teñan un ano moi proveitoso no estranxeiro, tanto no que respecta á vida académica como á persoal.