Momento da lectura do poema "Xan" durante o acto de peche do programa "21 días en galego" en 2020.

Un ano máis a campaña chega a Moaña e durante 21 involucranse todos os centros educativos do municipio

O recente estudo sociolingüístico promovido polo Concello en colaboración con todos os centros de ensino deixa as cousas claras: en Moaña máis do 80% das familias danlle moita importancia ao futuro da nosa lingua, do que se sinten responsables. Ademais, valoran dunha forma moi positiva (8,15 sobre 10) que outras persoas comecen a falar galego habitualmente.

Porén, os datos reais indican que o uso do galego entre a mocidade moañesa é moi minoritario. En Moaña prodúcese un abandono drástico do idioma, de xeración en xeración, semellante ao que ocorre en toda a área metropolitana de Vigo e en boa parte de Galiza.

Neste contexto chega con forza un ano máis a campaña Moaña: 21 días en galego na que se involucran todos os centros educativos. Será unha oportunidade para que as nosas mozas e mozos proben as súas capacidades coa nosa lingua e sintan a satisfacción de recuperar o noso xeito de falar, contribuíndo a garantir o seu futuro. Serán días cheos de actividades e recursos de lecer nos que o galego terá un papel central. O desafío, que desde o Concello estendemos a toda a veciñanza que emprega habitualmente o castelán, é o uso exclusivo do galego as 24 horas do día entre o 1 e o 21 de febreiro de 2022 conscientes de que 21 días son os que precisamos para adquirir un hábito novo, neste caso: adquirir ou mellorar a competencia lingüística de falar en galego.

Na semana previa, cada centro de ensino envioulles ás familias unha carta informativa sobre a campaña buscando a súa implicación. Nela descríbense as vantaxes que supón para o alumnado empregar con fluidez a nosa lingua propia, tanto para a súa formación como para o seu desenvolvemento persoal, recordando tamén os beneficios que supón o vínculo coa lingua portuguesa e a importancia de preservar a nosa cultura e a nosa identidade.

O desenvolvemento da campaña é diferente segundo a idade do alumnado. Nas idades máis temperás (alumnado de Educación Infantil, 1º e 2º de primaria) non se busca o compromiso explícito do alumnado no uso da lingua. Os centros de ensino desenvolverán actividades para todo o grupo como empezar cada día cunha palabra en galego seguindo a orde do abecedario ou aprender cada día unha canción. Todo o alumnado destes niveis levará unha insignia co logo da campaña.

Para o alumnado maior (desde 3º de primaria ata bacharelato) a campaña só se desenvolve con aquelas persoas que voluntarimente adquiren o compromiso de manterse en galego as 24h do día durante os 21 días. Estas persoas levarán unha insignia identificativa, e participarán na gravación de vídeos nos que narren a súa experiencia diaria de uso do idioma.

As actividades

Para o primeiro grupo de alumnado máis novo (ata 2º de primaria) o Concello de Moaña proporcionará a todos os centros de ensino xogos de mesa do proxecto Brazolinda: A Noite do Meigallo (etapa de infantil) e Verbolario (1º e 2º de primaria) nos que a lingua ten un papel central.

Para 5º de primaria o Concello organizará, en colaboración cos EDLG dos centros de ensino, obradoiros de poesía improvisada dan man de dous coñecidos regueifeiros, Luís o Caruncho e Pinto de Herbón. A actividade rematará cun Certame Moañés de Poesía Improvisada no que competirá representación de todos os colexios.

Para 6º de primaria o Concello organizará, en colaboración cos EDLG dos centros de ensino, os obradorios O mundo de Inho nos que o monitorado da AGAL (Associaçom Galega da Língua) amosará ao alumnado as diferentes chaves culturais do mundo lusófono, ensinándolles a ler textos escritos en portugués a través do coñecemento do galego.

Para todo o alumnado, o Concello tamén fará públicos ao longo dos 21 días os videoclips do proxecto Xirarei cos Bolechas, coordinados por María Faltri e Jorge Juncal, nos que participan importantes músicas e músicos vinculados con Moaña: Anxo Lorenzo, a asociación María Fumaça, Magín Blanco, Wöyza e a banda formada por Max Gómez, Juansi Santomé e Juanma Ons na páxina
https://concellodemoana.org/turismo/xirarei-cos-bolechas/

Premios

O alumnado de 3º a 6º de primaria que acade o reto de manterse na nosa lingua durante os 21 días recibirá de premio unha cunca estampada cunha viñeta orixinal do debuxante Luís Davila que será presentada na segunda semana da campaña.

O alumnado do ESO e Bacharelato que acade o reto de manterse na nosa lingua durante os 21 días poderá asisitir, na mañá do 24 de febreiro, a un concerto do grupo Boyanka Kostova nos xardíns do Concello.

O Concello de Moaña pide tamén a colaboración do pequeno comercio, a hostalería e a banca para que se sumen á campaña e usen durante os 21 días o galego coa súa clientela para apoiar e animar a que o alumnado supere o reto e mellore a súa competencia na lingua propia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *