A xornada contará con xogos como tiro con arco e futbolín humano, e tamén con obradoiros de empregabilidade, de igualdade de xénero, de sensibilización medioambiental, de gastronomía saudable e de lecer educativo entre outros
A Xunta de Galicia leva este sábado a Cangas do Morrazo o novo programa de lecer e educación non formal Día da Xuventude, que conta cunha ampla variedade de actividades, tanto de ocio como de formación, para a mocidade de toda a contorna. Este novo programa, que se inaugurou a semana pasada na comarca de Tabeirós-Terra de Montes e que agora recala na do Morrazo, comezará a súa programación o día 14 de xaneiro ás 17:00 horas e prolongarase ata as 22.00 horas.
Durante toda a tarde haberá un gran abano de actividades gratuítas como xogos educativos de gastronomía, futbolín humano, tiro con arco, obradoiros medioambientais, habilidades de empregabilidade. Ademais diso, tamén contarán con información xuvenil e con postos de concienciación sobre a igualdade de xénero. Tamén haberá actuacións de Nuno Ponce e Santervás que amenizarán a xornada vespertina.
Toda esta programación non só achegará o ocio e a formación á xuventude galega, senón tamén favorece á conciliación da vida familiar e laboral. Cómpre recordar que o Día da Xuventude ponse en marcha ao abeiro do Plan Corresponsables, do Ministerio de Igualdade.