Chega o verán e as ganas de coñecer os espazos abertos de Moaña. Chega unha nova edición estival de «Descubre Moaña» e faio con dúas novidades. A primeira, a incorporación á programación da ruta pola Poza da Moura de Domaio e, a segunda, tres rutas nocturas para gozar das postas de sol desde o litoral.
A primeira das saídas será o domingo 26 de xuño por San Martiño. Desde as 10:30 horas os guías da Asociación A Illa dos Ratos darán a coñecer o núcleo histórico desta parroquia. Á semana seguinte, o sábado 9 de xullo, arrincará o itinerario pola Poza da Moura. O 17, por Tirán con «O Último Barco», a obra do falecido Domingo Villar, ás 10:30 horas. A primeira do serán comezará ás 20:00 horas do venres 22 de xullo polas Canteiras do Litoral de Moaña. Esta mesma repetirase o domingo 31 en horario de mañá.
Xa en agosto, o 5, novo roteiro nocturno pola Moaña Mariñeira. O sábado 13, Intermareal de Tirán ás 10:30 horas e o 21, desde as 10:00 horas, regresa o itinerario pola Poza da Moura. Para pechar agosto, o venres 26 ás 20:00 horas, Villar volve mergullarnos nas entrañas de Tirán a través da súa novela.
E para pechar os meses de verán, setembro traerá dous roteiros máis. O domingo 4 ás 10:30 horas, polo Sendeiro da Fraga e o domingo 18 última saída por San Martiño.
As inscricións deben realizarse no teléfono 611 080 853. Todas as rutas son de balde.