«Chega o mes de marzo e, con el, unha das datas de maior prioridade para a nosa sociedade e, polo tanto, para as institucións que a representan: o Día Internacional da Muller. Un día no que poñer en primeiro plano as xustas e necesarias reivindicacións que é preciso abordar para acadar a igualdade plena entre homes e mulleres.
Non podemos negar os importantes avances que se veñen acadado en materia de feminismo e igualdade de xénero , pero aínda queda moito por facer e neste 2025 queremos mirar cara atrás e recoñecer o valor inestimable de mulleres valentes que abriron sendeiros para cambiar o noso mundo.







Hoxe transitamos eses camiños grazas a todas elas, que lograron que dereitos como o acceso á educación, a xustiza laboral ou sufraxio universal foran progresos sociais que levan tamén nome de muller, loitando polos espazos que nos correspondían. Co seu esforzo, conseguiron dar visibilidade a moitos dos logros acadados ao longo da historia da humanidade, tras os que houbo mulleres que a historia relegou a un inxustísimo segundo plano.
Por iso, hoxe non poderíamos entender onde estamos se non poñemos en valor o traballo de aquelas mulleres pioneiras que loitaron pola igualdade de xénero en todos os escenarios, incluíndo o activismo social e político , en momentos nos que os homes ocupaban a gran maioría dos espazos de poder e de toma de decisións.
No mes de decembro do ano 2024, segundo datos do INE, o paro rexistrado en Marín foi de 1.062 persoas, das que 640 eran mulleres e 422 homes. A franxa de idade con máis dificultades de emprego é de 25 a 44 anos, superando a cifra as mulleres maiores de 45.
Isto condiciona o poder adquisitivo das mulleres e favorece a asunción de tarefas domésticas ou de coidades non corresponsables durante o resto da súa vida, mermando a súa calidade de vida e o seu desenvolvemento persoal e profesional. E a esta situación, súmanse outras cuestións de especial relevancia, o edadismo e a feminización do envellecemento, que reducen a estereotipos a figura das mulleres maiores.
Desde o Concello de Marín queremos poñer en valor con esta declaración a resiliencia e a capacidade das mulleres que foron abrindo camiños e que hoxe seguen merecendo o mesmo apoio que as máis novas para o seu empoderamento e respecto social. Para iso, é preciso poñer en marcha accións que melloren a súa calidade de vida.
Como sociedade debemos responsabilizarnos para conseguir un cambio social, real e efectivo, que incorpore ás mulleres como iguais en todos os escenarios de actuación, sen limitacións de idade, raza, relixión ou nivel cultural.
Polo tanto, comprometémonos a apoiar medidas efectivas e reais que traballen en prol da igualdade e contra calquera forma de discriminación e poñemos o foco sobre as que camiñaron antes ca nós, para seguir escoitándoas e que nos sirvan como faro para seguir construíndo coas súas aportacións, coñecemento e experiencias unha sociedade máis xusta, libre e equitativa».