A arte do alfombrismo trasladarase a Malta de man de catro membros da Coordinadora Internacional de Alfombristas de Arte Efémera, á que pertencen veciños deste municipio agrupados na Federación de Asociacións de Alfombristas de Galicia, para participar desde este xoves e ata o luns nun congreso de carácter internacional organizado pola Asociación EspresjonArti Gharb, na cidade maltesa de Gharb.
A Federación será un dos tres colectivos de fóra de Malta convidados. Os outros dous son os italianos da Asociación Inverdurata de Pachino e a Asociación CulturArte Noto.
O acto albergará unha conferencia internacional co alfombrismo como temática e clausurarase coa confección dun tapiz conxunto de todos os participantes no que cada país achegará os materiais característicos. No caso de Galicia, serán as cunchas de moluscos as que formen parte desa alfombra.