O pleno de Bueu.

O documento, que se aprobou no pleno cos votos a favor de BNG, ACB e PSOE e a abstención do PP, ten como estratexias a descarbonización do territorio municipal e a adaptación ao cambio climático

O Concello de Bueu xa conta cun Plan de Acción para o Clima e a Enerxía, un documento estratéxico que se aprobou na sesión plenaria deste mes de novembro cos votos a favor de BNG, ACB e PSOE, e a abstención do PP. O plan recolle diversas cuestións a implementar de cara a reducir a pegada de carbono nas diversas accións gobernativas de protección do medio ambiente.

Segundo apuntou Xosé Leal, concelleiro de Medio Ambiente, “este plan é unha estratexia a desenvolver e significa continuar coa senda de políticas sostibles e respectuosas que xa comezamos nestes anos, como a optimización dos recursos hídricos ou a incorporación de luminarias led”.

O municipio bueués, que foi un dos primeiros en adherirse ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía no 2018, dispón agora dunha guía que lle permitirá optar a diferentes axudas, deseñar as estratexias e proxectos do futuro e informar dos avances que se vaian dando á Unión Europea. “Do que se trata é de actuar dende o local para cambiar o global”, en palabras de Leal, quen tamén fixo fincapé na importancia de primar a saúde do noso planeta para que así se mellore a de toda a humanidade.

O plan foi elaborado pola empresa Terravanza Gabinete de Estudios Territoriales Avanzados SL, que tamén foi a encargada da redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible, e consta de dúas partes: a primeira ten que ver coa descarbonización do territorio municipal, reducindo as emisións de GEI no termo municipal nun 40% para o ano 2030 nos sectores municipal, residencial, transporte, enerxías renovables e xestión de residuos e auga; e a segunda está relacionada coa adaptación ao Cambio Climático, para o que se avaliaron riscos, vulnerabilidades e fortalezas a partir de criterios como os riscos de temperatura e choiva extrema, seca, incendios forestais, inundacións e outros ligados ao clima.

Os obxectivos que se perseguen son a redución de emisións de GEI nun 40% para o ano 2030, o incremento das enerxías de fontes renovables, a adaptación do territorio municipal aos fenómenos e riscos asociados ao cambio climático e aos incendios forestais, e evitar a pobreza enerxética da cidadanía.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí