As ANPAS e as direccións dos Ceips Seara e Reibón de Moaña están indignados ante a última decisión tomada polo goberno local de denegarlles o anexo do pavillón da Xunqueira para realizar algunhas das actividades extraescolares que teñen previsto ofrecer ás familias para axudarlles na conciliación familiar durante o próximo curso e que, de non poder facer uso destas instalacións, terán que eliminar do seu calendario por falta de espazo.
O cumprimento da normativa Covid e a necesidade de distancia social obriga ao profesorado para dispoñer de maior espazo que antes da pandemia, polo que se pensou en solicitar este anexo ao Concello, como entidade propietaria e responsable do edificio, ao permanecer baleiro durante as horas en que se impartirían as actividades extraescolares.
Tanto para os pais como para os centros, esta é unha decisión «inxusta» e «sectaria» da concelleira de Educación, Dolores Chapela, e da propia alcaldesa, Leticia Santos, para beneficiar a un club deportivo que o utiliza en exclusiva en prexuízo do resto da familias. A través de varios escritos, ANPAS e direccións dos centros trasladaron o seu malestar ao bipartito e lémbranlle que «as instalacións se construíron co diñeiro de todos os moañeses para beneficio de todos os veciños e non só dun club».
Carro esixe unha rectificación
Tamén o fixo o portavoz de Coalición Independente X Moaña (XM), Javier Carro, que tras recoller as queixas dos pais foi moi crítico na comisión informativa do martes coa decisión do bipartito e instou a edil de Educación a dar marcha atrás canto antes e autorizar o uso das instalacións para evitar que se retrase todavía máis o inicio das clases e, polo tanto, a conciliación das familias.
«O deste goberno local non ten nome, aínda que se lles enche a boca falando
de conciliación danlles absolutamente igual as familias de Moaña, só lles importa
quedar ben cos seus amigos», critica Carro.