A Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa levou a cabo no pasado fin de semana tarefas de conservación e plantación de novas especies no Parque do Lago de Castiñeiras.
Especies ornamentais e de valor botánico como moreiras brancas, árbores de Santo Outelo, abruñeiros ou nogueiras do xapón fan parte xa da paisaxe dun parque con vontade de xardín botánico.
Os traballos foron realizados no contexto dunha xornada de voluntariado convocada pola Comunidade de Montes en colaboración coas Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia, que aterraron no Morrazo por primeira vez na súa historia.
Brigadistas e comuneiros xuntáronse pola mañá para realizar tarefas de control do eucalipto en dúas plantacións de castiñeiros da Comunidade de Montes de Vilaboa, así como para reposición de castiñeiro. Trátase de plantacións para a produción de castaña de variedades tradicionais que, no futuro, contará cunha extensión de máis 20 hectáreas.
Despois da eliminación de abrochos de eucalipto dirixíronse ao Lago de Castiñeiras para realizar a nova plantación, na zona da entrada do Lago que previamente se tiñan retirado árbores enfermas.
Pola tarde, logo do xantar comunal, comuneiros e brigadistas desfrutaron dunha visita guiada polo Roteiro das Mámoas, con saída do Lago de Castiñeiras, da man do arqueólogo Benito Vilas, de Árbore Arqueoloxía.