Ademais, as cláusulas tamén endurecen as sancións á empresa en caso de incumprimento do contrato como ocorreu en varias ocasións con Urbaser
O contrato coa empresa Urbaser para o servizo de limpeza viaria en Moaña chega ao seu fin e o goberno local xa ten elaborado un novo prego de condicións para proceder a unha nova licitación, tal e como establece a lei. Mentres tanto, seguirá encargándose deste traballo a actual empresa. O goberno local levará ao pleno deste mércores a prórroga e o prego de cláusulas para o novo concurso.
A nova empresa, entre as condicións que deberá cumprir, destacan un incremento do número de viais repartidos en todas as parroquias, como é o caso da nova rúa de Sisalde que se está construíndo e que dará acceso ao novo centro de saúde, o Camiño Real, a nova senda Isamil-Domaio que está a executar a Xunta e todos os tramos de beirarrúas da PO-551 que ata o de agora non figuraban nos ámbitos de limpeza. Pero, ademais, inclúense outras roteiros froito da participación veciñal de entidades e colectivos que, por primeira vez, tiveron voz na elaboración do contrato. Ademais, a nova empresa terá que incrementar as frecuencias de limpeza respecto a as actuais e terá a obrigación de cambiar o 100% das papeleiras. En total, 347 de metal, inox, madeira e plástico. En caso de incumprimento, a empresa tamén se verá abocada a afrontar sancións máis duras que as que tivo que abonar Urbaser ao longo destes anos, precisamente, por non executar os traballos conforme ao asinado coa administración local.
A empresa adxudicataria estará obrigada a manter o persoal técnico e administrativo necesario para a xestión dos servizos. Para iso dispoñerá dunha estrutura administrativa e funcional adecuada da que deberá dar conta ao Concello mediante as nóminas ao comezo do servizo e con cada factura que rexistre mensualmente.