O alcalde, César Poza, prantexa de novo a cesión das instalacións á Xunta ao albergar a prestación dun servizo de competencia autonómica
O alcalde de Vilaboa, César Poza, mantivo onte unha xuntanza co xerente da Área Sanitaria de Pontevedra, José Flores, e co director de Recursos Económicos, Antonio Taboada para avanzar nunha solución definitiva aos problemas de filtracións de auga que presenta o centro de saúde de O Toural. César Poza destaca a cordialidade do encontro no que ambas administracións se amosaron dispostas a sufragar conxuntamente os traballos de investimentos necesarios para impermeabilizar a cuberta dunhas instalacións que, ainda que son municipais, prestan un servizo que é competencia da Xunta.
Neste sentido César Poza aproveitou o encontro para retomar as conversas sobre a cesión definitiva á Xunta das instalacións sanitarias de O Toural xa que o goberno local de Vilaboa tilda de “competencias impropias” os investimentos nesta estrutura. Con todo, os representantes da Consellería emplazaron ao alcalde a futuras reunións sobre ese particular e amosaronse dispostos a colaborar na execución dos traballos necesarios para garantir que a atención sanitaria aos veciños e veciñas de Vilaboa se preste en óptimas condicións, no que ao estado das instalacións se refire.