Reunión no salón de plenos do Concello cos colectivos implicados na problemática do parque eólico.

O goberno local de Marín rompe o xeo na polémica sobre a posible instalación dun parque eólico que afecta os montes do Morrazo. Esta mañá a alcaldesa, María Ramallo, e varios concelleiros, a pedimento do executivo local, reuníronse con representantes das comunidades de Montes de Santomé e de Ardán (as dúas supostamente afectadas pola instalación de aeroxeradores neste municipio), o resto dos grupos políticos da corporación, a Mancomunidade de Montes do Morrazo e a Plataforma Eólicos no Morrazo NON que está a levar a cabo unha campaña informativo en contra dos muíños.

Tal e como explicou a alcaldesa, o obxectivo do encontro “foi o de compartir coas
partes implicadas a información que temos ata o momento no Concello respecto
ás peticións que se solicitaron sobre cuestións urbanísticas respecto de varias
parcelas”. Ademais, o resto de sectores, como as comunidades de montes, trasladaron tamén a información que tiñan sobre este tema, pendentes de realizar de cara ás vindeiras semanas novas reunións informativas coas súas asambleas.

A rexedora trasladou e deixou patente que “a día de hoxe non hai ningún proxecto presentado para a zona dos Montes do Morrazo que está definida dentro
do Plan Sectorial da Xunta de Galicia”. É dicir, que “aínda que unha posible solicitude de parcelas para a creación dun parque eólico contemple algunhas que están dentro dese Plan, non significa que o proxecto poida acadar os informes favorables dos organismos correspondentes que se precisan para levalo a cabo”, aclara Ramallo.

Polo tanto, a alcaldesa trasladou a necesidade de esperar para ver como avanza a
situación, “xa que, polo momento, o Concello de Marín simplemente recibiu a
solicitude de información urbanística de determinadas parcelas. Non existe
ningún proxecto presentado nin nos consta que se tramitase ningún plan
supramunicipal”.

Ao remate da reunión, Ramallo adiantou que o Concello contactará co resto de
concellos afectados para recabar información sobre este asunto.

Pola súa banda, desde a plataforma Eólicos no Morrazo NON, agradecen ao concello que achegase a información de que dispoñen na reunión e o traballo administrativo que está a facer pero instan o goberno local a «posicionarse institucionalmente» para «dar tranquilidade» aos veciños. «Estamos a percibir moito nerviosismo e queremos saber se os marinenses podemos contar con eles ante calquera xestión que haxa que facer relacionada co parque eólico para evitar a súa instalación», explican desde a plataforma.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *