O evento terá lugar nas inmediacións dos Xardíns do onde se disporán as haimas individuais en formación de “T” separadas entre si
A Federación ultima os detalles da nova edición da Feira de Oportunidades do Morrazo que terá lugar en Cangas na vindeira semana, durante os días 13, 14 e 15 agosto. Con 26 establecementos participantes, Fecimo está a traballar na organización dun evento coñecido na comarca e que, cada ano, reúne a máis visitantes. Como vén sendo habitual, os expositores que participan nesta edición venderán o seu stock con grandes descontos.
Nesta décimo sexta edición, a Feira mantén a súa esencia de sempre pero adaptándose a realidade epidemiolóxica vixente, e que xa o ano pasado obrigou a modificar moitos aspectos en materia de seguridade e hixiene. Este ano, mantén do mesmo xeito que na pasada edición, tódalas medidas posibles para acadar a maior seguridade de clientes e expositores dada a continuidade da situación derivada do Covid-19.
O evento terá lugar, como ven sendo habitual, nas inmediacións dos Xardíns do Sinal (fronte ao Concello de Cangas) onde se disporán as haimas individuais en formación de “T” separadas entre si e pechadas polo perímetro exterior que ocupará unha superficie de máis de 1000m2, procurando, deste xeito, maior distanciamento e espazo entre expositores e clientes, pero sen perder a súa esencia de conxunto.
A organización, repite a disposición de haimas individuais de 5×5 metros que melloran significativamente o espazo de exposición e facilitan os movementos dos expositores e asistentes, establecendo dous puntos de aceso, nos que se habilitará persoal para velar polo aforo e cumprimento das normas de hixiene, sendo imprescindible o emprego de mascariña e xel hidroalcohólico, e que servirán para definir un percorrido polo recinto da feira e para acadar que a feira sexa un éxito en ventas e en seguridade.
Os visitantes poderán facer as súas compras con tarxeta, colaborando así en ter unha Feira máis segura, xa que son moitos os establecementos expositores que contarán con TPV inalámbrico. Os asistentes a esta Feira poderán atopar produtos de comercios de Cangas, Bueu e Moaña e de diferentes sectores como moda, deportes, infantil, óptica, tecnoloxía, zapatería, ferraxería, etc. con grandes rebaixas de ata o 70%, chegando a atopar verdadeiras “gangas”.
A Feira de Oportunidades lembramos que está organizada pola Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo –FECIMO- e conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Cangas e ABANCA, xuntando esforzos para fomentar o comercio local de Bueu, Cangas e Moaña.