O xerente do Consorcio e a Alcaldesa, en agoto de 2021, na escola infantil da Choupana.

O Concello encargarase de executar os traballos cun custo de 50.400 euros que serán compensados polo Consorcio nas próximas liquidacións

Concello de Cangas e Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar camiñan da man para mellorar as instalacións da escola infantil da Choupana de cara o próximo curso. A través dunha fórmula de colaboración mediante a cal o Consorcio compensará o custo, 50.400 euros, ao Concello nas próximas liquidacións que corresponde abonar á Administración local por este servizo público. Desta forma, será o Concello quen execute os traballos, ainda que serán supervisados por ambas entidades.

«Este sistema de colaboración cos concellos permite que ano tras ano se poidan mellorar e adaptar ás circunstancias e que as familias desta escola teñan unhas instalacións renovadas, o que é prioritario de cara o servizo que se lles presta os nenos e nenas», expresou o xerente do Consorcio que hoxe visitou a escola canguesa xunto coa alcaldesa, Victoria Portas. Con esta finalidade, arranxarase a cuberta exterior, a porta e o valado de entrada. Así mesmo, reformarase por completo o baño da unidade de 2-3 anos e revisarase tanto a instalación eléctrica como o sistema de incendios.

Portas, pola súa parte, destacou o positivo deste sistema de cofinanciación que permite que o Concello non teña que reservar unha gran cantidade de cartos para financiar estas melloras e, desta forma, «manter unha medida de conciliación necesaria para todas as familias».

Centro do Hío

Esta intervención dá continuidade á liña de mellora continua das escolas infantís de Cangas que dependen do Consorcio. De feito, o verán pasado investíronse co mesmo sistema de cofinanciación preto de 40.000 euros no aumento das condicións de seguridade e no acondicionamento do illamento térmico da escola do Hío; así como na substitución de pavimentos da zona exterior, e na limpeza e pintado do patio de xogos.

As escolas infantís da Choupana e O Hío retomarán a súa actividade o día 6 de setembro. A primeira delas con 35 nenas e nenos matriculados e a segunda, con 58.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *