A Conselleira na estación de autobuses de Cangas.

As obras prevén iniciarse a finais de marzo e o obxectivo é telas rematadas no verán

A Xunta recibiu 4 ofertas de empresas interesadas na execución das obras de reforma da estación de autobuses de Cangas, licitadas por un importe de 362.000 euros. O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é iniciar estas obras a finais de marzo para telas rematadas no verán, pois contan cun prazo de execución de 4 meses.

Esta actuación ten como obxectivo mellorar e modernizar a área de transporte público que forman a estación de autobuses e a marítima para impulsar a intermodalidade. A terminal de autobuses acolle cada ano case 40.000 expedicións e máis de 75.000 viaxeiros, e a marítima dará servizo este ano a 700.00 usuarios.

O investimento que a Xunta destinará a esta actuación elévase a case 400.000 euros, tendo en conta a suma dos custos de redacción do proxecto e da dirección das obras. A intervención é susceptible de ser financiada no marco do eixe REACT-UE do programa FEDER Galicia 2014-2020, como resposta á pandemia.

Máis en concreto, vaise actuar no edificio da estación, impermeabilizando a cuberta plana, con traballos de pintura interior e exterior, coa redistribución dos espazos e coa mellora da iluminación LED. Tamén se instalarán portas automáticas, equipos de climatización e ventilación, unha nova instalación eléctrica e panel informativo cos horarios dos barcos e dos autobuses.

O proxecto prevé, ademais, a adecuación da zona de dársenas, cun tratamento anticorrosivo e a dotación de novos paneis na cuberta. Tamén se actuará no espazo de espera dos viaxeiros, instalando unha mampara de vidro, bancos e iluminación LED e luminarias.

A intervención tamén incluirá a reordenación da contorna da estación e a súa relación coa vila. Para iso, disporanse 2 prazas de ‘kiss & ride’, un acceso peonil principal á dársena directamente desde o paseo marítimo e un pavimento podotáctil que facilite a orientación das persoas con problemas de visión.

Ademais, para contribuír á seguridade viaria nos arredores da estación e facilitar o seu bo funcionamento, a terminal delimitarase cunha varanda perimetral e instalaranse dúas barreiras automáticas que protexerán ao resto de condutores e aos peóns da circulación dos autobuses.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *