O portavoz e líder de XM, Javier Carro, denunciou por «disturbios» e «insultos» ao veciño que o pasado xoves lle entregou un ramo de acelgas ao comezo do pleno e polo que acabou abandonando a sesión inmediatamente despois mostrando as súas queixas pola negativa da alcaldesa, Leticia Santos, de chamar á Policía Local nese momento e non ao final do pleno, como lle propuxo a rexedora, para que identificase o autor. Finalmente os axentes, chamados por un membro do público, subiron ao salón e procederon a recoller os datos do causante. «A Sra. alcaldesa non actúa por ser un coñecido seu e militante do PSdeG que foi, polo menos, na última candidatura de 2019 no número 15. Non se trata a todos os veciños coa mesma vara de medir, faise dependendo de quen sexa e da cor política de quen interrompe nos plenos», lamenta.
«O ocorrido onte no pleno de Moaña é totalmente inconcibible en democracia», sentencia Carro, que o asocia ao «nerviosismo do goberno progresista» ao estar en «decadencia» pola súa xestión diaria.
«Concelleiros que amenten un e outro día, non dan as informacións solicitadas pola oposición, licenzas de obra en dúbida, obras para empresas amigas sen licitación (designación directa), montaxes de eventos deportivos sempre aos mesmos, horas e horas de pavillóns a clubs afíns, medios contraincendios sen pasar o recoñecemento en pavillóns e centros escolares ou mocións dos partidos da oposición que fan súas», relata o líder de XM en relación isto último ás propostas da pista de Calestenia, a de Skate, as pistas deportivas de Domaio ou a reparacións e acondicionamento dos cruceiros de Sabaceda e do Casal. Así como a comisión de accesibilidade que o 28 de outubro de 2016 aprobouse grazas a unha moción de XM e da que agora este goberno de BNG e PSdeG aprópiase».